• O Pazo do Hórreo alberga desde hoxe a exposición fotográfica Cegasal, unha asociación de persoas para as persoas, para dar a coñecer a realidade dos centros especiais de emprego
• Santalices reitera o “especial compromiso da Cámara coas persoas e colectivos vulnerables”
Santiago, 24 de xuño de 2019.- O Parlamento de Galicia inaugurou este mediodía a exposición fotográfica Cegasal, unha asociación de persoas para as persoas, impulsada pola Asociación de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro para dar a coñecer a realidade destes centros.
No acto inaugural, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, deu a benvida a esta mostra que “encaixa á perfección na aposta de apertura desta institución á sociedade, pero tamén no especial compromiso da Cámara coas persoas e colectivos vulnerables, como acontece neste caso coas persoas con capacidades diferentes”.
Obriga de concienciación
Apuntou que os poderes públicos “temos unha obriga especial en materia de concienciación”, ámbito no que enmarcou os convenios de colaboración asinados pola Cámara coa práctica totalidade das entidades que operan no ámbito da discapacidade “porque queremos contar con eles na nosa xestión cotiá”.
Santalices Vieira sinalou que do mesmo xeito que o Parlamento introduciu cambios na súa política de recursos humanos para facilitar a incorporación de persoas con capacidades diferentes, “agardamos, nun futuro próximo, poder abrir determinados concursos públicos da institución aos centros especiais de emprego, como os que protagonizan a exposición que hoxe abre as súas portas”.
O titular do Parlamento de Galicia foi precedido polas intervencións da conselleira de Política Social da Xunta, Fabiola García; e polo presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez.
A mostra inaugurada hoxe no Parlamento de Galicia permanecerá aberta ata o 3 de xullo e está integrada por imaxes do fotógrafo coruñés Diego Silva, que durante dous anos e medio acudiu a once centros especiais de emprego para plasmar a actividade diarias destes profesionais.