saltar ao contido

Santalices súmase á homenaxe ao Dr. Rodríguez Míguez, “pai do termalismo galego”

• O presidente do Parlamento e o profesor Gestal Otero pronunciaron a laudatorio do Dr. Rodríguez Míguez no acto de entrega da medalla de ouro de Ourense, a titulo póstumo
 
Santiago, 13 de xuño de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, foi o encargado de pronunciar, xunto co profesor Gestal Otero, a laudatorio do profesor doutor Luis Rodríguez Míguez  (Santiago, 1932/Ourense, 2016) no acto de entrega da Medalla de Ouro de Ourense, a título póstumo.
 
No acto, celebrado no salón de plenos da Deputación Provincial de Ourense, Santalices destacou que a distinción ao “pai  do termalismo galego” contou co respaldo unánime de todos os grupos da corporación provincial pola súa traxectoria e achegas no ámbito  da investigación e a divulgación das augas termais, “unha das maiores riquezas da nosa provincia”.
 
O presidente do Parlamento apuntou que coñeceu ao Dr. Rodríguez Míguez no ano 1979, pouco despois de que este chegase a Ourense destinado como xefe provincial de Sanidade.
 
“Impactoume desde o primeiro momento a súa axilidade mental, a súa fluidez verbal, a súa ironía, a súa cultura e a súa inquietude por cambiar a situación sanitaria da nosa provincia”, lembrou Santalices, daquela estudante de Medicina, a piques de rematar a carreira.
 
“Amaba Ourense ata o punto de renunciar a voltar ao seu querido Santiago”, agregou antes de engadir que a vida do Dr. Rodríguez Míguez extinguiuse no ano 2016, pero a súa memoria e o seu inxente legado permanecerán para sempre entre nós. Foi un home xeneroso que transitou pola vida facendo o ben”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina