saltar ao contido

Santalices anima a “incrementar a difusión das celebracións da Semana Santa que se suceden en Galicia”


 
• O presidente do Parlamento pronunciou o pregón da Semana Santa do Carballiño, convidado pola Confraría da Veracruz
 
• Defende que calquera persoa poda expresar a súa fe “con naturalidade” e recorda que nin a imposición nin a estigmatización teñen cabida na actualidade
 
Santiago. 7 de abril de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, pronunciou este mediodía o pregón da Semana Santa do Carballiño, respondendo así a unha invitación da Confraría da Veracuz.
 
Santalices felicitou aos organizadores e recordou que “tanto nesta como noutras localidades galegas a Semana Santa se vive con intensidade, con devoción e con representacións que para nada desmerecen respecto ás doutros lugares”.
 
O presidente do Parlamento apuntou que actividades como o pregón da Semana Santa do Carballiño contribúen a superar o descoñecemento que ás veces rodea este tipo de celebracións.
 
“Actos como o de hoxe, e outros que se sucederán en datas próximas –afirmou-, son especialmente necesarios de cara a incrementar a difusión das celebracións da Semana Santa que se suceden en Galicia, seguramente non tan cálidas desde o punto de vista climático, pero igual de reconfortantes en termos de fe, e sempre vistosas na súa escenificación, aspecto que cómpre ter en conta como atracción turística”.

Expresar a fe con naturalidade
 
Logo de recordar o significado relixioso da Semana Santa, o pregoeiro sinalou que “do mesmo xeito  que respectamos a quen se declara ateo ou agnóstico, ou profesa calquera outra crenza, e reivindicamos que podan facer efectivo ese dereito lonxe de imposicións de ningún tipo, reclamamos, en xusta reciprocidade, o dereito dos católicos a vivirmos e expresarmos a fe con naturalidade, desterrando calquera posible pexa”.
 
A xuízo do titular do Lexislativo galego, “nunha sociedade madura, que vive nunha democracia avanzada como a nosa, superar ese tipo de prexuízos resulta obrigado. Porque nin a imposición de outrora, nin os intentos de estigmatización que en determinados ámbitos presenciamos nos nosos días, teñen nin deben ter cabida. Xamais”.
 
Arte e relixión
 
Na súa intervención, Santalices referiuse á “ilimitada capacidade oratoria e saberes enciclopédicos” de Otero Pedrayo, pregoeiro da Semana Santa de Viveiro de 1974, onde gabou estas representación como unha conxunción de “profunda fe relixiosa” e “grande sentimento artístico”.
 
“Don Ramón, coma moitos outros galeguistas dos que somos debedores, soubo conxugar coma ninguén –agregou Santalices- o sentimento relixioso que con tanta firmeza profesaba, co ser e coa alma de Galicia, realidade dual para moitos indivisible”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina