saltar ao contido

Declaración institucional a prol do sector lácteo galego

O sector lácteo é un sector estratéxico para Galicia e un dos piares do sostemento económico e demográfico de moitas comarcas rurais. Achega o 1,7% do PIB galego, pero ten un impacto real na economía moi superior polo forte encadeamento con outras ramas de actividade.
 
O sector sufriu unha profunda reestruturación desde a incorporación á Unión Europea, pasando das 100.000 explotacións en 1985 a menos de 8.000 na actualidade.
 
Neste período os gandeiros galegos fixeron un enorme esforzo: aumentaron o tamaño, melloraron a xestión e o nivel técnico das explotacións e multiplicaron por máis de dous o volume de entregas ás industrias (de 1,24 millóns de toneladas de 1985, pasouse a máis de 2,7 millóns no ano 2018). Hoxe Galicia produce case o 40% do leite do Estado, e está dentro das dez primeiras rexións produtoras de Europa.
 
Con todo, o sector presenta problemas nos que cómpre traballar xuntos para garantir o seu futuro, baseado preferentemente en granxas de base familiar, e así manter o equilibrio territorial e ambiental de Galicia.
 
No eido da produción as explotacións teñen que aumentar a súa base territorial, reducir os custos e evitar a dependencia dos insumos comprados nos mercados internacionais, que van estar suxeitos a unha gran volatilidade, ao igual que os prezos do leite. Para iso é necesario fortalecer instrumentos como o Banco de Terras e abordar unha reforma lexislativa ambiciosa, de amplo consenso, que contribúa á mobilización da terra agraria de Galicia.
 
Outro dos problemas do sector é o peche de explotacións e a perda de investimento produtivo no rural pola falta de sucesión e de relevo xeracional. Neste senso precísanse medidas orientadas a facilitar a sucesión e incentivar a incorporación á actividade leiteira.
 
No eido da industria, esta caracterízase pola súa debilidade estrutural e a súa orientación cara a derivados simples de escaso valor engadido e pola súa incapacidade de transformar en Galicia todo o leite que se produce, premendo á baixa os prezos que reciben os produtores. Por iso cómpre desenvolver accións de política industrial orientadas á implantación en Galicia de proxectos industriais que valoricen o leite e con acceso aos mercados internacionais.
 
Ademais, e como mecanismo para o fortalecemento conxunto do sector, precísanse medidas para lograr unha distribución equitativa do valor ao longo da cadea.
 
Concretamente unha modificación do paquete lácteo que elimine as asimetrías existentes nos tres elos da cadea e flexibilizar os requisitos de constitución das Organizacións de Produtores Lácteos.
 
Por último considérase necesario impulsar o asesoramento, a formación e a investigación como eixes transversais para o futuro do sector lácteo.
 
Por todo isto, o Parlamento de Galicia, considerando o sector lácteo como un sector estratéxico de vital importancia para o rural de Galicia, comprométese a traballar nas liñas anteriores a prol do seu fortalecemento para que no futuro continúe sendo motor de desenvolvemento económico, xerador de valor engadido, investimento e emprego nos espazos rurais de Galicia. Un sector que ademais mantén superficie agraria útil, actúa como eficaz corta lumes e preserva unha paisaxe agraria coidada, símbolo da identidade territorial de Galicia, que beneficia ao conxunto da sociedade galega.
 
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2019

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina