saltar ao contido

Acordos da 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, celebrada o 21.03.2019

 
A  Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, na súa sesión do 21 de marzo de 2019, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
 
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 46700 (10/PNC-003758)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Bará Torres, Xosé Luís e 5 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación co anuncio da presentación dun concurso de acredores e co posible peche da planta de Poligal, en Narón
BOPG n.º 441, do 06.03.2019
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego acorda instar á Xunta de Galiza a levar a cabo todas as actuacións posibles para o mantemento do emprego e do proceso produtivo de Poligal en Narón, así como do mantemento e impulso da actividade industrial nesta comarca, a comezar por unha Mesa de Traballo na que se integre ás partes e axentes implicados, comprometendo axilidade e periodicidade nas súas reunións.”

- 47132 (10/PNC-003802)
Grupo Parlamentario de En Marea
Casal Vidal, Francisco e 3 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co expediente de regulación temporal de emprego presentado pola empresa Bosch Service Solutions, de Vigo, e a situación xeral do sector do telemárketing en Galicia
BOPG n.º 441, do 06.03.2019
 
Sométese a votación separada por puntos:
 
Puntos 1, 2, 4, 5, 8, 9 e 11: resultan aprobados por unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes
Punto 3: resulta rexeitado  por 2 votos a favor, 7 votos en contra e 2 abstencións
Puntos 6, 7 e 10: resultan rexeitados por 4 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
 
1.-Solicitar publicamente tanto a Bosch como a Vodafone, responsables directas deste ERTE, que aclaren na medida do posible onde se vai a prestar o servizo de atención ao cliente, xa que as chamadas non desaparecen dun día para outro.
 
2.- Amosar de maneira pública o seu rexeitamento ao ERTE de Bosch no seu centro de Vigo e demandar a dita compañía e a Vodafone a súa retirada para garantir o mantemento da totalidade dos postos de traballo.
 
4.- Manifestar o seu compromiso para adoitar todas as medidas ao seu alcance para deixar sen efecto este ERTE e a loitar a longo prazo por mellorar as condicións dun sector tan relevante  neste País.
 
5.- Establecer unha mesa de traballo cos representantes das traballadoras, das empresas e das que contratan os seus servizos neste sector do Telemarketing para chegar a acordos que eviten as regulacións de emprego e podan o camiño para unha mellora das condicións de traballo.
 
8.- Instar ao Goberno do Estado a aumentar a dotación de medios humanos e materiais da Inspección de Traballo e Seguridade Social para garantir que se cumpre a lexislación laboral no sector do Telemarketing e desenvolver actuacións eficaces na comprobación das causas técnicas, produtivas, organizativas ou económicas que poidan alegar as empresas para solicitar ERES ou ERTES.
 
9.- Solicitar ao Goberno do Estado e a Axencia de Protección de Datos do Estado Español a prohibición de que os datos de cidadáns españois poidan ser trasladados a países externos a Unión Europea.
 
11.- Desenvolver campañas de comunicación para que os clientes destas compañías en Galicia soliciten que a súa atención sexa dada en galego.

Aprobación por unanimidade sen modificacións
 
- 46013 (10/PNC-003703)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Losada Álvarez, Abel Fermín e Pérez Seco, José Manuel
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación co remate do ferri que se está a construír no estaleiro Vulcano, na cidade de Vigo, o pagamento aos traballadores, provedores e empresas auxiliares, así como a continuidade do tecido industrial
BOPG n.º 434, do 20.02.2019
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Manifestar o seu total compromiso coa finalización da construción do ferry que actualmente está nas gradas do estaleiro.
 
2. Tomar a iniciativa para reunir a todas as partes implicadas no proxecto para tentar chegar a un acordo global que permita aos traballadores cobrar os salarios que se lles deben e o pago aos provedores e empresas auxiliares.
 
3. Implicarse na supervisión da xestión da construción, tal e como se comprometeu dende o inicio da mesma.
 
4. Activar un plan conxunto cos demais axentes económicos que consolide a continuidade do tecido industrial cos seus postos de traballo, una vez finalizada a construción actual.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina