• O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá a primeira das dúas xornadas organizadas para conmemorar o 40 aniversario da Constitución
• Reivindica o pacto constitucional e os seus resultados que “se cadra polo proverbial pesimismo que levamos nos nosos xenes, non sempre valoramos na súa auténtica dimensión”
Santiago, 3 de decembro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, apuntou este mediodía que durante a transición á democracia “españois situados nas antípodas ideolóxicas deron exemplo de xenerosidade, de renuncia e de tolerancia para dar paso á etapa de maior estabilidade e prosperidade de toda a nosa historia”.
Santalices Vieira facía esta reflexión no acto de clausura da xornada de Análise dos 40 anos da Constitución española desde a perspectiva de Galicia, a primeira dunha serie de dúas actividades que terá continuidade o próximo 21 de decembro.
A celebración destas xornadas conmemorativas do 40 aniversario da Constitución española “resultaba obrigada para o Parlamento de Galicia e para a sociedade galega no seu conxunto”.
Balance razoablemente satisfactorio
Ao seu xuízo, a Constitución do 78 “ofrece un balance razoablemente satisfactorio, sen que iso implique deixar de recoñecer erros e debilidades que todas e todos temos a obriga de corrixir”.
Recordou o presidente do Parlamento de Galicia que “o noso Estatuto de Autonomía, as elevadas cotas de autogoberno que Galicia xestiona hoxe, a posta en valor dos nosos sinais de identidade, o Estado do benestar, o crecemento exponencial da clase media nestes 40 anos –malia as dificultades que aínda persisten-, mesmo a nosa plena e exitosa integración en Europa, son consecuencia directa do pacto constitucional que, se cadra polo proverbial pesimismo que levamos nos nosos xenes, non sempre valoramos na súa auténtica dimensión”.
O valor do xornalismo
Para Santalices, ao convidar a diferentes xornalistas a esta xornada “quixemos facer memoria dos cambios operados pola sociedade española e galega, e tamén reivindicar solemnemente o valor inmenso dos xornalistas e dos medios de comunicación”. Considerou que “sen xornalismo non hai democracia, unha afirmación dificilmente rebatible, que cobra unha especial dimensión nestes tempos convulsos nos que as noticias falsas contribúen a distorsionar a realidade”.
O presidente do Parlamento valorou tamén a participación de catedráticos e profesores das universidades galegas, avalados polo “traballo e a investigación rigorosa desenvolvidos ano tras ano”
Agradeceu Santalices a participación de tres dos portavoces parlamentarios da Cámara galega, “protagonistas destacados e insubstituíbles nun debate que debe sumar criterios xurídicos e políticos”.
Programa
A xornada de hoxe comezou cunha conferencia na que a xornalista Pilar Cernuda falou sobre 40 anos da Constitución. Perpectiva galega na prensa de Madrid. Celebrouse, de seguido, unha mesa redonda titulada Galicia e os 40 anos da Constitución. Aqueles primeiros anos desde a prensa galega, moderada por Javier García Sánchez, coa participación dos tamén xornalistas José Manuel Rivas Troitiño, Encina Ramos e Aurea Sánchez.
A mesa redonda sobre A Constitución de 1978 vista desde as universidades galegas foi moderada polo catedrático de Dereito Constitucional e primeiro reitor da Universidade da Coruña, José Antonio Portero Molina, coa participación de Roberto Blanco Valdés (Universidade de Santiago), Ana María Aba Catoira (Universidade da Coruña) e José Agustín González-Ares Fernández, (Universidade de Vigo).
A derradeira mesa redonda desta xornada versou sobre A Constitución de 1978: pasado, presente e futuro, e contou coa participación da viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Patricia Vilán Lorenzo; do Grupo Parlamentario de En Marea, Luis Villares; e do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Pedro Puy Fraga. Estivo moderada polo xornalista Jesús Fontenla.
A clausura da xornada correu a cargo do vicepresidente da Xunta e conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela, e do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira.
A de hoxe foi a primeira dunha serie de dúas xornadas. A seguinte celebrarase o próximo 21 de decembro baixo o título Da Constitución española de 1978 ao estatuto de Autonomía de Galicia.