saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 11 de xullo de 2018

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 11 de xullo de 2018
 
(Debate e votación conxunta das PNL 5.1, 5.5 e 5.8) 
 
5.1 - 26542 (10/PNP-001875)
Grupo Parlamentario de En Marea
Sánchez García, Antón e 2 máis
Sobre a actuación que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación coa consecución do obxectivo de incorporar o Pazo de Meirás ao patrimonio público de xeito gratuíto
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 267, do 27.02.2018
 
5.5 - 32222 (10/PNP-002423)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Bará Torres, Xosé Luís e 5 máis
Sobre a posición do Parlamento de Galicia respecto do apoio a iniciativas relacionadas coa recuperación do pazo de Meirás para o patrimonio público
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 323, do 20.06.2018
 
5.8 - 32887 (10/PNP-002484)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Sobre a posición do Parlamento de Galicia respecto das conclusións inseridas no informe da comisión de expertos nomeada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para analizar as posibilidades de incorporar ao patrimonio público a propiedade das torres ou pazo de Meirás, así como a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego ao respecto.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 328,
do 28.06.2018

O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia, recoñecendo o importante traballo realizado desde hai anos por historiadores e historiadoras, asociacións da memoria histórica, á Xunta pro devolución do Pazo de Meirás, e institucións coma a Deputación da Coruña e o Concello de Sada, entre outros, insta á Xunta de Galicia:
1.- A que remita urxentemente o Informe da Comisión de Expertos nomeada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en cumprimento da resolución do Parlamento de Galicia sobre as posibilidades de incorporar ao Patrimonio Público a propiedade das ‘Torres de Meirás’, con todos os seus anexos documentais, á Administración Xeral do Estado coa petición de que se realicen as accións legais á que fai referencia o informe na súa conclusión final co obxecto de reintegrar as ‘Torres ou Pazo de Meirás’ ao ámbito dos bens de dominio público da Administración Xeral do Estado.
2.- A incorporarse, en canto sexa exercitada esa acción legal, ao proceso civil como coadxuvante adhesiva.

3.- O Parlamento de Galicia declara a súa vontade de que a recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público non implique un novo custo para o pobo de Galicia”.
 
 
5.6 - 32339 (10/PNP-002434)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fernández Prado, Martín e 6 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación cos compromisos referidos ao avance da execución e data de remate das obras do AVE a Galicia, así como a actuación que debe levar a cabo respecto dos investimentos estatais e o cronograma previsto para ese fin
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 323, do 20.06.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1.- Dirixirse ao Goberno do Estado para que ratifique a data comprometida de finalización das obras do AVE a Galicia, co obxectivo que estea funcionando en probas no ano 2019, tal e como tiña comprometido o anterior Executivo estatal.
 
2.- Trasladar ao Goberno do Estado que a finalización da alta velocidade entre Madrid e Galicia no prazo comprometido é un obxectivo irrenunciable e prioritario para a nosa Comunidade.
 
3.- Manter, como veu facendo ata o de agora, o seu labor de vixilancia sobre os investimentos estatais e o cronograma previsto para que o remate desta infraestrutura estratéxica para Galicia se produza no prazo comprometido, e a estes efectos crear entre o Estado e a Xunta, no marco da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado – Comunidade Autónoma de Galicia, unha Subcomisión coa participación dos responsables de infraestruturas de ambos os dous gobernos, que se ocupará da avaliación e impulso das infraestruturas de Galicia e da súa execución orzamentaria.
 
4.- Co obxecto de facilitar esta labor de seguimento, demandar do novo Ministro de Fomento que manteña o compromiso do anterior Ministro de efectuar visitas de periodicidade trimestral a Galicia con información dos avances das obras.
 
5.- Dirixirse ao Goberno de España para que realice coa máxima dilixencia e sen retrasos inxustificables os trámites necesarios para o inicio das obras das licitacións pendentes ou en fase previa á adxudicacións”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina