saltar ao contido

Santalices subliña que o Álvaro Cunqueiro é un hospital público punteiro no que se exerce medicina de vangarda

 
• O presidente do Parlamento presidiu un acto conmemorativo do terceiro aniversario do Hospital, no que o Dr. José María Eiros disertou sobre “A medicina popular na obra de Álvaro Cunqueiro”
 
• Recordou as razóns que o levaron a propoñer o nome de Álvaro Cunqueiro para denominar ao novo hospital público de Vigo: vinculación coa cidade, coñecemento social e relación coa medicina

Santiago, 29 de xuño de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, afirmou hoxe que , “a verdade é que o Hospital Álvaro Cunqueiro é un hospital público, un hospital punteiro no que se exerce medicina de vangarda que, tres anos despois, acadou un nivel científico e asistencial que o converte en referencia para outras áreas xeográficas en determinadas especialidades”. Na súa opinión, esta realidade é mérito de todos, moi especialmente do persoal facultativo, e tamén dos restantes traballadores, aos que agradeceu o seu esforzo e dedicación.
 
O presidente do Parlamento efectuou estas reflexións no acto conmemorativo do 3ª aniversario do Hospital Álvaro Cunqueiro, no que o catedrático  de microbioloxía da Universidade de Valladolid, José María Eiros, pronunciou unha conferencia sobre “A medicina popular na obra de Álvaro Cunqueiro”. O conferenciante foi presentado polo xefe do servizo de microbioloxía da EOXI de Vigo, Benito Regueiro García.
 
As razóns de denominar Álvaro Cunqueiro ao Hospital de Vigo
 
Santalices recordou que el foi o encargado de defender no Parlamento a proposta de denominar Alvaro Cunqueiro ao novo hospital de Vigo, unha iniciativa que prosperou e hoxe está consolidada, na medida en que a  sociedade viguesa e galega identifican maioritariamente este centro sanitario co nome do escritor mindoniense.
 
Para denominar ao novo centro, Santalices apuntou que buscaban o nome dunha persoa que reunise tres criterios: unha forte vinculación con Vigo, que fose moi coñecida coa cidade e que tivese unha certa relación co mundo sanitario.
 
Álvaro Cunqueiro cumpría eses tres requisitos, xa que desenvolveu parte da súa vida profesional en Vigo, onde é moi coñecido; ademais de ter estar moi vinculado coa medicina, malia non ser médico, tal e como explicou o Dr. Eiros na súa conferencia.
 
De seguido, Santalices consultou a proposta coa Real Academia Galega e co Consello da Cultura Galega, que asumiron a idea, para de seguilo sometela ao criterio do presidente da Xunta e do Grupo Parlamentario, que tamén a apoiaron antes de dar forma á proposición non de lei que foi tramitada e aprobada no Parlamento.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina