Coñecido o fallo da sentenza da Audiencia Provincial de Navarra que cualifica de abuso sexual (e non de agresión sexual) os feitos acaecidos en Pamplona durante a madrugada do 7 de xullo de 2016, o Parlamento de Galicia acorda manifestar:
1.- O Parlamento de Galicia reafirmase na súa defensa da separación de poderes e o respecto á independencia do poder xudicial, piar fundamental do estado de dereito consagrado na vixente Constitución de 1978. Porén, os Tribunais de Xustiza, ao igual que toda manifestación pública do exercicio dos poderes dun Estado democrático, están expostos á opinión pública.
O Parlamento de Galicia, recollendo o sentir maioritario da sociedade galega, mostra o seu desacordo co fallo da mencionada sentenza, que ao non ser firme, pode ser recorrido co obxectivo de que se modifique a cualificación xurídica dos feitos descritos como probados no mencionado fallo como un delito continuado de abuso sexual. Neste sentido, manifesta o seu acordo co anuncio do Ministerio Fiscal de presentar recurso contra dita sentenza.
2.- O Parlamento de Galicia traslada todo o seu apoio e solidariedade á vítima, aos seus familiares e persoas achegadas.
3.- O Parlamento de Galicia mostra a súa comprensión coa decepción e a indignación das mulleres e de toda a cidadanía como consecuencia deste fallo.
4.- O Parlamento de Galicia reafirma que todas as institucións deben actuar no marco do dereito de toda muller á súa plena liberdade, e, por conseguinte, declaramos o noso rexeitamento absoluto a calquera tipo de agresión sexista e de calquera outra natureza contra as liberdades das mulleres.
5.- O Parlamento de Galicia reafirma o seu compromiso para continuar traballando a favor da igualdade real e efectiva, en defensa dos dereitos das mulleres, e para a erradicación das desigualdades e os distintos tipos de violencia que se exercen cara a elas.