saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia, 15-12-2010

 
Texto aprobado por unanimidade na sesión plenaria 15.12.2010 
08/PNP-0840 (52648)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
 

O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado para que, a prol de dar seguridade xurídica e plenas garantías de funcionamento para o desempeño da súa actividade aos buques de pesca que por diversos motivos quedaron fóra do proceso de regularización, acometa as seguintes accións:
 
1.- Que a Dirección Xeral da Mariña Mercante dite as instrucións que fosen pertinentes ás capitanías marítimas para que poidan inscribir os datos reais das embarcacións nas correspondentes follas de asento, facendo unha reserva para efectos pesqueiros, que é competencia do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.
 
2.- Que o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Medio Mariño proceda ás modificacións normativas e legais que sexan necesarias para facilitar o acceso destas embarcacións á súa regularización.
 
3.- A que a Consellería do Mar acometa as accións necesarias para:
 
 a) Facilitar o acceso das embarcacións que o necesiten á tonelaxe e potencia para a súa regularización.
 
 b) Que, nos  programas de paralización definitiva de actividade, teñan prioridade para acceder á potencia e tonelaxe as embarcacións que o necesiten para a súa regularización.
 
 c) Negociar co Goberno español a transferencia á Galicia das competencias, funcións e servizos en materia de ordenación do sector pesqueiro.
 

Texto aprobado por 38 votos a favor, 37 en contra e ningunha abstención, na sesión plenaria 15.12.2010 
08/PNP-0840 (53072)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse o Goberno de España co obxecto de que poña en marcha as modificacións lexislativas que estime máis axeitadas co obxecto de converter o furtivismo reincidente nun delito penal”.
 
Texto aprobado por unanimidade na sesión plenaria 15.12.2010 
08/PNP-0840 (53169)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a iniciar axiña os expedientes para declarar ben de interese cultural os recintos dos complexos do Castro de Samoedo e Sargadelos, ligados ao Laboratorio de Formas, incluíndo as coleccións e bibliotecas neles contidas, de xeito que o expediente relativo ao complexo de Sargadelos complete integralmente a declaración en vigor.”
 
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2010

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina