• Tamén se convocan sete bolsas para a formación práctica de persoas con titulación universitaria nos ámbitos de arquivo, biblioteca e documentación; comunicación institucional, publicacións, recursos técnicos e contratación; e xestión parlamentaria
Santiago, 16 de febreiro de 2018.- A convocatoria de bolsas para a formación práctica no Parlamento de Galicia deste ano inclúe unha praza reservada a persoas con discapacidade intelectual, así como outras sete orientadas a persoas con titulación universitaria.
As bases da convocatoria poden consultarse no
Boletín Oficial do Parlamento de Galicia do pasado luns (
https://goo.gl/rp8cEP) e na propia web do Parlamento. As solicitudes poderán presentarse nos quince días naturais contados a partir da publicación da convocatoria no
Diario Oficial de Galicia, publicación que se efectuará en breve. As titulacións dos aspirantes terán que ser obtidas no ano académico 2011-2012 ou posteriores.
As bolsas dirixidas a persoas con titulación universitaria ofrecerán formación práctica en materia de arquivo, biblioteca e documentación (2 bolsas); comunicación institucional (1); publicacións (2); recursos técnicos e contratación (1); e xestión parlamentaria (1).
A bolsa para persoas con discapacidade intelectual ofrecerá formación práctica en asistencia administrativa e servizos comúns e está orientada a persoas que rematasen os estudos obrigatorios e teñan recoñecida oficialmente unha discapacidade intelectual igual ou superior ao 33% e a compatibiildade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.
A convocatoria desta bolsa enmácase no compromiso expresado polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, de apoiar e dar visibilidade á inserción laboral das persoas con discapacidade. Esta iniciativa súmase á convocatoria dunha praza de uxier en réxime interino reservada para ser cuberta por persoas que acrediten algunha discapacidade intelectual, que actualmente se atopa en fase de selección.