saltar ao contido

Acordos da Comisión 2.ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, celebrada o 1 de febreiro de 2018

 
A Comisión 2.ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, na súa sesión do 1 de febreiro de 2018, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión

Aprobación sen modificacións
 
- 7112 (10/PNC-000732)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fernández Prado, Martín e 6 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co alcance e aprobación do Plan básico autonómico previsto na Lei do solo de Galicia e que vai substituír as Normas subsidiarias provinciais de planeamento aprobadas no ano 1991
BOPG n.º 96, do 05.04.2017
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 0 votos en contra e 3 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Consensuar coa FEGAMP o alcance do Plan Básico Autonómico tanto en contido como en funcionalidade.
 
2. Aprobar coa maior celeridade posible o Plan Básico Autonómico que permita aos concellos que aínda non teñen planeamento urbanístico aprobado redactar o seu plan básico municipal."

Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 8034 (10/PNC-000842)
Grupo Parlamentario de En Marea
Cuña Bóveda, María de los Ángeles e 2 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa incidencia que está a ter a política comercial de Renfe na cohesión social e territorial de Galicia e a discriminación horaria e económica que padecen as persoas usuarias do traxecto Ourense-Santiago de Compostela e Ourense-A Coruña
BOPG n.º 105, do 26.04.2017
 
Sométese a votación por puntos co resultado que se reflicte a seguir:
 
Punto 1: rexeitado por 5 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.
 
Puntos 2 e 3: aprobados pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte :
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Esixir ao Goberno central una equiparación das políticas e modalidades tarifarias en todo o territorio galego para evitar a actual evidente situación de discriminación que se dá en función do lugar de residencia de galegos e galegas.
 
2. Solicitar ao Goberno central una ampliación das frecuencias horarias desde Ourense para mellorar a comunicación con Compostela e A Coruña."

- 12988 (10/PNC-001223)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez Barreira, María Julia e 7 máis
Sobre a demanda ao Ministerio de Fomento co fin de que proceda á mellora do firme da N-540, nas inmediacións da localidade de Chantada, e de maneira especial no tramo que comunica a estrada LU-533 co corredor CG 2.1 (de Chantada a Lalín)
BOPG n.º 158, do 04.08.2017
 
Sométese a votación a transacción coa emenda do G.P. de En Marea doc. núm. 24634 e resulta aprobada pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Ministerio de Fomento, a fin de que proceda a mellorar o estado do firme da N-540 ao seu paso pola provincia de Lugo, nos tramos que o precisen entre Guntín e Taboada, pormenorizadamente, no tramo de Guntín a Ventas de Narón, e nos tramos que o precisen entre Taboada e A Barrela, priorizando a variante de Chantada e o seu acceso dende a LU-533."

Aprobación por unanimidade sen modificacións
 
- 18622 (10/PNC-001509)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Toja Suárez, María Dolores e 3 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación co risco que presentan para as persoas usuarias os danos detectados na calzada da vía de Santa Mariña que bordea a praia de Razo, así como na zona coñecida como “"baixada da Cabreira”", no concello de Carballo
BOPG n.º 194, do 17.10.2017
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a dirixirse ao Goberno central para que lle solicite á Demarcación de Costas - Costas e Medio Mariño, dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente:
 
1.º) A adopción de medidas urxentes de consolidación de noiros na zona que abarca do número 15 ao 20 do viario Sta. Mariña que bordea a praia de Razo. Así mesmi, a que de forma inmediata se sinalice e protexa o acceso ás zonas con risco de derrube inminente.
 
2.º) Que emprenda as tarefas necesarias para sinalar e restrinxir o acceso á zona máis perigosa da baixada da Cabreira, e inmediatamente emprender as tarefas para eliminar tan grave risco para a vida das persoas usuarias da praia."

- 21517 (10/PNC-001761)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Pierres López, María Luisa e 5 máis
Sobre a asunción polo Goberno galego do financiamento preciso para a revisión e actualización do Plan especial de protección do núcleo histórico do concello de Corcubión e a súa materialización no menor tempo posible
BOPG n.º 229, do 19.12.2017
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a colaborar económicamente co concello de Corcubión asumindo na súa totalidade a cantidade precisa para a revisión e actualización do Plan especial de protección do casco histórico e materializar esta colaboración no menor tempo posible."

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina