3.2 6769 (10/PNP-000597)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
López Crespo, Carlos Enrique e 6 máis
Sobre a continuación polo Goberno galego co desenvolvemento de actuacións para a posta en común con outras rexións e frotas pesqueiras das experiencias e dos coñecementos obtidos en relación coa problemática dos descartes, con especial atención á súa refundición e ao traslado á Comisión Europea das demandas para a adaptación da normativa
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 92, do 29.03.2017
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a seguir desenvolvendo accións para por en común con outras rexións e flotas pesqueiras as experiencias e coñecementos obtidos en torno á problemática dos descartes, con especial atención á súa refundición
e transmisión das demandas á Comisión Europea de cara á adaptación da normativa”.
3.4 20698 (10/PNP-001542)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Núñez Centeno, Aurelio Alfonso e 11 máis
Sobre as actuacións da Xunta de Galicia tendentes á construción dun centro de saúde no edificio do mercado da Santa Lucía, no barrio da Falperra, na cidade da Coruña
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 222, do 04.12.2017
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a seguir traballando para facer realidade a dotación dun novo centro de saúde para o barrio, nun espazo adecuado cedido polo Concello da Coruña no actual edificio do Mercado de Santa Lucía no barrio da Falperra”.
3.5 20708 (10/PNP-001543)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Pierres López, María Luisa e 6 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia destinadas á realización de campañas de concienciación e sensibilización sobre a violencia de xénero no ámbito rural
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 222, do 04.12.2017
O texto aprobado é o seguinte:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
1. Revisar os criterios e conceptos básicos nos que teñen que incidir as campañas de concienciación e sensibilización sobre a violencia de xénero, promovendo ferramentas de obtención de información, como son as enquisas de opinión previa e posteriormente a cada campaña, para poder dirixilas de maneira máis eficaz á cidadanía, habilitando unha partida orzamentaria específica para o seu desenvolvemento anual.
2. Realizar campañas de concienciación específicas que teñan en conta as peculiaridades da sociedade rural, implicando nelas tamén aos servizos sociais máis próximos ás mulleres rurais, así como ás entidades sociais presentes no entorno como asociacións de veciños, de pais e nais, de mulleres, de montes, cooperativas, etc.
3. Incidir na difusión das campañas nas zonas rurais, especialmente nos concellos máis pequenos, por ser onde se demostran menos eficaces.
4. Promover nos distintos cursos de formación do profesorado, así como nos de alumnado nos centros educativos, aqueles centrados en traballar para erradicar a tolerancia ante as diferentes manifestacións de violencia de xénero, desmontando falsos conceptos.
5. Afondar durante o ano 2018 nas actuacións coordinadas e en colaboración coas asociacións de veciños e veciñas, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños e veciñas de Galicia na prevención e na sensibilización da violencia de xénero para contribuír á detección dun delito en moitos casos invisible, que en numerosas ocasións ten lugar na intimidade dos fogares, e no que a colaboración de todos os axentes, entidades e persoas é clave para ofrecer axuda ás vítimas”.