saltar ao contido

Santalices subliña que “dispoñemos dun dos mellores sistemas sanitarios do mundo”

 
• O presidente do Parlamento inaugura en Pontevedra o VIII Congreso da Sociedade Galega de Calidade Asistencial
 
• “Canto mellor sexa a relación médico-paciente maiores serán as posibilidades de éxito”, afirma

Santiago, 9 de novembro de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou esta mañá en Pontevedra o VIII Congreso da Sociedade Galega de Calidade Asistencial, onde puxo de manifesto que nunha sociedade que require un cada vez maior volume de recursos  sanitarios “estamos obrigados a esforzarnos na procura da calidade e da excelencia en todos os ámbitos, desde a xestión ata a asistencia cotiá”.
 
Este Congreso desenvólvese baixo o lema “Comunicación e responsabilidade asistencial”.
 
Santalices subliñou que “España e Galicia dispoñen dun dos mellores sistemas sanitarios do mundo” e así o manifestan os propios pacientes en diferentes enquisas.
 
Eficacia e eficiencia
 
Reivindicou tamén o presidente do Parlamento “a eficacia e a eficiencia do gasto sanitario público español e galego”, mérito que atribuíu ao conxunto dos profesionais. “Temos o mellor sistema sanitario, pero non o máis caro”, dixo. Recordou, neste sentido  España dedica o 6,5% do seu PIB (datos 2015) a gasto sanitario público consolidado. Galicia destina un pouco máis, o 6.8%. A media europea sitúase no 7,2% do PIB.  Pola contra, Estados Unidos, cun gasto sanitario que representa o 17,6% da renda (datos 2012), “ten un modelo con moitos máis desequilibrios”, asegurou Santalices. “Non só facemos boa medicina, senón que facemos unha boa xestión dos recursos sanitarios”, dixo.
 
O presidente do Parlamento animou tamén aos aos profesionais que participan neste congreso a coidar a comunicación co paciente. “Canto mellor sexa a relación médico-paciente maiores serán as posibilidades de éxito”, afirmou.
 
Recordou Santalices que á necesidade de que o persoal sanitario se manteña ao día no referido aos últimos avances científicos, se suma a importancia de mellorar as súas habilidades sociais e divulgativas para dar resposta satisfactoria á crecente demanda de información por parte dos pacientes, acentuada, entre outros factores, polo uso das TIC.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina