• Participou nun foro organizado polo Museo do Pobo Galego sobre O futuro da Sociedade do Benestar nunha Galicia avellentada
• Defende o aumento do gasto sanitario público que, ao seu xuízo, debe seguir financiándose a través de impostos progresivos vinculados á renda, de xeito que as persoas con máis ingresos fagan un maior esforzo fiscal
• Atribúe á Constitución do 78 a cobertura universal do sistema sanitario público
Santiago, 26 de outubro de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, considera que chegado o momento haberá que abrir un debate sosegado e exento de demagoxia sobre o financiamento do sistema sanitario público de cara a garantir a súa sostibilidade, presente e futura, no conxunto do Estado. Santalices Vieira participou esta tarde nun foro sobre O futuro da Sociedade do Benestar nunha Galicia avellentada, organizado polo Museo do Pobo Galego no marco da conmemoración do seu 40 aniversario.
Para o presidente do Parlamento, garantir a sostibilidade do Estado de Benestar –configurado pola sanidade, a educación e as políticas sociais públicas- é unha prioridade para calquera responsable político e recordou que factores como o envellecemento da poboación e a crise demográfica condicionan a xestión.
Recordou a evolución rexistrada polo modelo da sanidade pública en España, que pasou dun sistema conmutativo ao actual, de carácter distributivo, no que a sanidade pública se financia a través dos impostos e ofrece cobertura universal. Atribuíu este avance aos dereitos consagrados pola vixente Constitución de 1978.
Galicia, por riba da media
Apuntou Santalices que co actual modelo de financiamento, as Comunidades Autónomas dispoñen de liberdade para fixar as súas prioridades de gasto, o que explica, por exemplo que Galicia destine a sanidade un presuposto per cápita superior á media do Estado.
O gasto sanitario público consolidado segundo CCAA en España (Estatística de Gasto Sanitario Público 2015) acada o 6,1% do PIB, porcentaxe que se incrementa ao 6,8% no caso de Galicia. A media europea sitúase no 7,2%.
Recordou que o proxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2018 destina a gasto social 7.118 millóns de euros dun total de 9.124,4 millóns de euros de gasto total das consellerías. A sanidade recibirá 3.858 millóns de euros nas contas da Xunta para o vindeiro exercicio.
Santalices Vieira apuntou que a preservación do Estado de Benestar require novos cotizantes e tamén a adopción de medidas encamiñadas a potenciar a eficiencia do sistema, incluíndo o control do gasto farmacéutico, o uso racional dos recursos, a educación para a saúde e a promoción de hábitos de vida saudable que diminúan o gasto sanitario a medio e longo prazo.
Esforzo fiscal progresivo
Con todo, Santalices opinou que sería desexable incrementar o gasto sanitario ata equiparalo coa media comunitaria, financiándoo a través de impostos progresivos vinculados á renda, de xeito que as persoas con máis ingresos contribúan en maior medida ao sostemento do modelo.
O presidente do Parlamento animou tamén a cambiar a visión sobre o envellecemento, converténdoo nunha oportunidade, na medida en que xera empregos e recursos que mesmo poden contribuír a fixar poboación no rural coa prestación de asistencia ás persoas maiores no seu contorno habitual.
Termalismo terapéutico
Reiterou tamén os beneficios que se derivarían de incorporar o termalismo terapéutico á oferta do sistema nacional de saúde, convencido de que os tratamentos termais correctamente indicados poden reducir a prescripción farmacolóxica e os ingresos hospitalarios, co correspondente aforro para as arcas públicas, ademais de xerar actividade económica arredor dos balnearios.
O presidente do Parlamento de Galicia reivindicou a calidade da sanidade pública, “unha das mellores do mundo” e tamén unha das mellor valoradas polos usuarios. Asi o acredita unha enquisa que revela que o 44% da poboación considera que a atención sanitaria en España é mellor que a doutros países da UE, porcentaxe que supera en 10 puntos a percepción media dos europeos.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.