saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 18 de outubro de 2017

4.2 5776 (10/PNP-000492)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
González Vázquez, José e cinco deputados/as máis
Sobre a solicitude polo Goberno galego ao Goberno central da cesión ás comunidades autónomas do rendemento do imposto sobre sucesións e doazóns derivado da obriga real de contribuír, da obriga persoal do causante non residente, así como da adquisición de bens inmobles situados fóra de España, xunto coa delegación das competencias de xestión, recadación, inspección e revisión correspondentes
Publicación da iniciativa, BOPG nº 79, do 08.03.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar do Goberno central que se ceda ás comunidades autónomas o rendemento do imposto sobre sucesións e doazóns derivado da obriga real de contribuír, da obriga persoal do causante non residente así como da adquisición de bens inmobles situados fóra de España. Esta cesión comprenderá tamén a delegación das competencias de xestión, recadación, inspección e revisión correspondentes.»
 
4.3 8124 (10/PNP-001368)
Grupos Parlamentarios: Popular de Galicia, de En Marea, dos Socialistas de Galicia e do Bloque Nacionalista Galego
De iniciativa popular, sobre a realización por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria das adaptacións necesarias para incluír a obrigatoriedade da materia de Historia da Filosofía como troncal na oferta de bacharelato, así como a demanda ao Goberno do Estado para que propicie nos traballos para o denominado Pacto educativo un debate en profundidade sobre a situación da fisolofía no sistema educativo e a necesidade da súa pervivencia.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Consellería de Educación a:
 
1. No marco das súas competencias, realizar as adaptacións necesarias para incluír na oferta educativa do bacharelato a obrigatoriedade da Historia da Filosofía como materia troncal.
 
2. Instar o Ministerio de Educación do Goberno do Estado a propiciar, nos traballos do denominado Pacto educativo, un debate en profundidade sobre a situación da Filosofía no sistema educativo e a necesidade da súa pervivencia.»

4.5 16414 (10/PNP-001257)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pazos Couñago, José Alberto e dez deputados/as máis
Sobre o requirimento polo Goberno galego ao Concello de Vigo do remate da urbanización do contorno do hospital público Álvaro Cunqueiro habilitando, en condicións de igualdade, as prazas de aparcamento en superficie necesarias para o normal funcionamento do centro
Publicación da iniciativa, BOPG nº 178, do 20.09.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a requirir ao Concello de Vigo que complete a urbanización do contorno do Hospital público Alvaro Cunqueiro habilitando, en condicións de igualdade, as prazas de aparcamento en superficie necesarias para o normal funcionamento da principal instalación sanitaria da cidade.»
 
4.8 17987 (10/PNP-001338)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Bará Torres, Xosé Luís e cinco deputados/as máis
Sobre a realización de xestións polo Goberno galego para frear a destrución de emprego, garantir os dereitos laborais e procurar a viabilidade e continuidade da empresa Maderas Iglesias, S. A. nos seus centros de produción do Porriño e Mos
Publicación da iniciativa, BOPG nº 187, do 05.10.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Pleno do Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a facer xestións ante a propiedade de Maderas Iglesias S. A. coa finalidade de procurar a viabilidade e a continuidade da empresa, velar polos dereitos laborais e polo mantemento do emprego.»

 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina