A Comisión 6.ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, na súa sesión do 9 de outubro de 2017, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 6475 (10/PNC-000654)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa e cinco deputados/as máis
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego para lle posibilitar á veciñanza do concello de Cartelle unha cobertura telefónica axeitada e a conexión á internet polo sistema de satélite 3G ou polo sistema terrestre cunha calidade aceptable, así como para o desenvolvemento do Plan de banda larga de Galicia 2020
BOPG nº 87, do 22.03.2017
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia:
1. Para que, da man do Concello de Cartelle, se volvan realizar as xestións oportunas coa veciñanza e as respectivas comunidades de montes para buscar solucións viables, que poidan dar resposta aos problemas de cobertura telefónica e internet en varios núcleos de poboación do concello de Cartelle, garantindo a igualdade de oportunidades con independencia de onde se viva.
2. A dirixirse ao Goberno de España para que ambas as administracións teñan en conta a existencia desta e doutras posibles zonas de sombra na provincia de Ourense á hora de desenvolver os seus plans de extensión de redes de banda larga.»
- 7770 (10/PNC-000813)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Losada Álvarez, Abel Fermín e tres deputados/as máis
Sobre a posición que debe adoptar a Xunta de Galicia en relación coa inclusión dos impostos ambientais establecidos pola propia Administración autonómica nos suplementos territoriais, así como o seu pagamento polas persoas consumidoras galegas
BOPG nº 100, do 19.04.2017
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que se opoña con rotundidade a que os impostos ambientais establecidos pola propia Administración autonómica se inclúan nos suplementos territoriais e teñan, polo tanto, que ser aboados polas persoas consumidoras galegas.»