saltar ao contido

O presidente do Parlamento reivindica que a riqueza idiomática de Galicia “ábrenos as portas de medio mundo”


 
• Santalices participou, acompañado pola súa homóloga dos Azores, nun acto cultural na Fundación Curros Enrríquez de Celanova para poñer en valor os vínculos entre Galicia e a lusofonía
 
• Apunta que os poderes lexislativos “podemos e debemos converternos en parte activa na necesaria estratexia de sensibilización respecto ao potencial da lusofonía”
 
• A presidenta da Asemblea Lexislativa dos Azores continúa a súa visita a Galicia, onde esta mañá foi recibida polo presidente da Xunta e visitou o Consello da Cultura Galega

Santiago, 15 de setembro de 2017.- O Parlamento de Galicia, coa colaboración da Asemblea Lexislativa da Rexión Autónoma dos Azores, a Fundación Curros Enríquez o Concello de Celanova, celebrou esta tarde nesa vila ourensá un acto cultural orientado a poñer en valor os vínculos da Comunidade Autónoma coa lusofonía.
 
Nese acto, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou que “Galicia, dentro da España na que está plenamente integrada, e o Portugal amigo e veciño teñen diante de si un futuro de oportunidades compartidas que, en parte, pasan tamén por potenciar conxuntamente as súas afinidades, comezando pola riqueza idiomática que, ben entendida e mellor utilizada, nos abre as portas de medio mundo”.
 
Obxectivo compartido
 
Santalices Vieira recordou que tanto a Cámara galega como a dos Azores comparten ese obxectivo, convencidos de que “tamén desde os poderes lexislativos podemos e debemos converternos en parte activa na necesaria estratexia de sensibilización social respecto ao potencial da lusofonía para os nosos  dous pobos”.
 
Agregou que desde o Parlamento de Galicia asumen “encantados” esta tarefa, que tamén implica o cumprimento dunha obriga marcada pola lei de iniciativa lexislativa popular Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. “Este é –dixo- o camiño que cómpre seguir, o da concordia, o entendemento e a difusión dos nosos valores culturais diversos, plurais, complementarios. Sempre enriquecedores”.
 
Curros e as letras portuguesas
 
O acto desenvolveuse nas instalacións da Fundación Curros Enríquez, dados os vínculos deste escritor con Portugal e cos Azores a través das relacións que o autor foi tecendo en vida con coetáneos seus das letras portuguesas. O data de celebración coincide co 166 aniversario do nacemento de Curros.
 
A parte final do acto consistiu nun recital de Emilio Rúa e Rosa Cedrón que, entre outras pezas, interpretaron, en galego e en portugués, o poema Zara, obra do poeta azoriano Antero de Quental, traducido no seu momento ao galego por Manuel Curros Enríquez.
 
A intervención do presidente do Parlamento foi precedida pola da súa homóloga dos Azores, o presidente do Consello da Cultura, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta e os profesores Alonso Montero (académico da RAG) e Urbano Bettencourt (da Universidade dos Azores) e o alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez.
 
Reunión co presidente da Xunta
 
A presidenta da Cámara Lexislativa da Rexión Autónoma dos Azores, Ana Luísa Pereira Luis, completaba deste xeito a segunda e derradeira xornada da súa visita oficial a Galicia.  Esta mañá foi recibida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e visitou o Consello da Cultura Galega.
 
De seguido viaxou a Ourense, onte tivo ocasión de coñecer o Balneario Laias Caldaria. Máis tarde, desprazouse á romaría da Virxe do Cristal, en Vilanova dos Infantes, e participou nunha recepción oficial no Concello de Celanova. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira, como anfitrión da visita, acompañou á súa homóloga dos Azores en todos os actos.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina