saltar ao contido

Acordo da Comisión 3ª., Economía, Facenda e Orzamentos, celebrada o 7 de xullo 2017

A Comisión 3.ª, Economía, Facenda e Orzamentos, na súa sesión do 7 de xullo de 2017, adoptou o seguinte acordo:
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 10564 (10/PNC-001097)
Grupo Parlamentario de En Marea
Lago Peñas, José Manuel e Villares Naveira, Luis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación co proceso de adquisición do Banco Popular-Pastor polo Banco Santander
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1. Manifestar a súa solidariedade con todas as persoas que traballan no Banco Pastor, na súa Fundación e nas numerosas empresas auxiliares, coas persoas afectadas, coa clientela e co seu accionariado, amosando a firme convicción da Cámara de defender diante do Banco de Santander que o Banco Pastor teña a condición xurídica de filial integrada dentro do grupo bancario, tal e como sucedía na actualidade no grupo Popular-Pastor.
 
2. Velar porque o cambio na propiedade no Banco Pastor teña para Galicia o menor impacto posible sobre a concesión de crédito e o emprego, e se é o caso, os axustes se fagan co maior acordo posible e defendendo os intereses dos traballadores no eido das competencias que ten a Xunta de Galicia.
 
3. Solicitar da dirección do Banco Santander a compensación das perdas sufridas polos pequenos accionistas do Banco Pastor, tendo especial consideración cos que accederon á última ampliación de capital, de maneira que poidan recuperar o seu investimento.
 
4. Solicitar que o novo propietario, Banco Santander, manteña os compromisos adquiridos polo Banco Popular coa Fundación Barrié, para que poda seguir desenvolvendo a súa labor social e cultural con recursos suficientes.
 
5. Solicitar aos órganos de supervisión bancaria e do mercado a investigación da últimas ampliacións de capital e emisións de accións co obxecto de determinar se os subscritores contaron cunha información clara, nidia e precisa para poder levar a cabo os seus investimentos”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina