• Esta actividade, dirixida fundamentalmente a alumnado de Secundaria e Bacharelato, destaca pola súa pluralidade e pola boa acollida nos centros educativos
• O presidente do Parlamento acorda, co directiva da Asociación de Ex deputados/as, potenciar este programa no próximo curso 2017-2018
Santiago, 17 de xuño de 2017.- O ciclo de charlas divulgativas sobre Parlamento de Galicia, organizado coa colaboración da Asociación de Ex parlamentarios/as da Cámara, chegou, no curso escolar 2016-2017 a un total de 45 centros escolares da Comunidade Autónoma.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reuniuse este venres co equipo directivo da Asociación de Ex parlamentario/as da Cámara para facer balance das actividades divulgativas desenvolvidas durante o curso que agora remata, ao tempo que acordaron potenciar este programa no próximo curso 2017-2018, no que tamén se estenderá ao alumnado universitario.
Santalices agradeceu especialmente a implicación dos ex deputados/as que fixeron posible a celebración das diferentes charlas en centros educativos de toda Galicia.
Esta actividade divulgativa iniciou a súa andadura en 2011, coincidindo co 30 aniversario da Cámara. Na súa primeira edición participaron 20 centros educativos, pero a cifra mantén desde entón unha tendencia alcista, dada a elevada receptividade amosada polos centros, que adoitan volver solicitala en cursos sucesivos.
As charlas divulgativas sobre o Parlamento de Galicia están dirixidas a alumnado de Secundaria e Bacharelato, aínda que no curso que agora remata se extendeu tamén ao alumnado universitario, ao levar unha actividade deste tipo á Escola de Enfermería da Universidade de Vigo.
Pluralidade
A pluralidade é unha das características destas charlas, xa que o habitual é que sexan ofrecidas por tres exdeputados/as de cadansúa formación política. A estructura é semellante en todos os centros nos que recala. A actividade comeza coa proxección dun vídeo sobre o Parlamento de Galicia, continúa coas intervencións dos ex deputados/as participantes e conclúe cun coloquio no que o alumnado plantexa dúbidas ou efectúa reflexións sobre a institución parlamentaria.
A cifra de charlas divulgativas do ano académico 2016-2017 é lixeiramente inferior á do curso pasado dado que, por mor do proceso electoral desenvolvido en Galicia a finais de 2016, o ciclo se desenvolveu só entre os meses de xaneiro e maio de 2017. De terse iniciado en outono probablemente se superase a cifra de 58 charlas rexistrada no curso 2015-2016.
Despois do verán, no inicio do vindeiro curso, o Parlamento de Galicia ten intención de retomar o ciclo de charlas divulgativas, reiterando o ofrecemento aos diferentes centros educativos.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.