A Comisión 3.ª, Economía, Facenda e Orzamentos, na súa sesión do 9 de xuño de 2017, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación con modificacións
- 7107 (10/PNC-000730)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Rodríguez Rumbo, Matilde Begoña e Losada Álvarez, Abel Fermín
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para loitar contra as mafias que trafican con pisos baleiros
BOPG n.º 96, do 05.04.2017
Sométese a votación separada por puntos:
Punto 1: resulta aprobado por 10 votos a favor, 1 voto en contra.
Punto 2: resulta aprobado pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado para solicitarlle que:
1. Elabore un Plan Especial de Seguridade contra as mafias que trafican con pisos baleiros, impulsando neste marco acordos coas Corporacións Locais para incorporar a Policia Local aos labores de vixilancia, no ámbito das súas competencias e en cooperación coa Garda Civil e a Policía Nacional e o resto de forzas e corpos de Seguridade que exercen funcións de policía integral; mellorando os niveis de prevención, reforzando os labores de investigación e potenciando os labores de captación de información de elaboración de intelixencia específica. Deben atenderse en primeiro termo cando se trate de persoas vulnerables ás necesidades de quen as ocupa de maneira efectiva, así como a outras persoas directamente afectadas.
2. Promova una reforma da Lei de axuizamento civil e as reformas normativas precisas para exixir que, sempre que se notifique una resolución coa fixación de data para o lanzamento ou desafiuzamento de primeira vivenda, se dea, obrigatoriamente, traslado de dita resolución aos servizos sociais competentes por razón do territorio."
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 8045 (10/PNC-000845)
Grupo Parlamentario de En Marea
Casal Vidal, Francisco e 2 máis
Sobre a demanda do Goberno galego ao Goberno central respecto da creación dunha conta bancaria de servizos mínimos esenciais e, namentres, a actuación que debe levar a cabo a Xunta de Galicia ao respecto
BOPG n.º 105, do 26.04.2017
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 11
deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1.- Instar o Goberno de España a crear unha conta corrente de servizos mínimos esenciais.
En colaboración co Banco de España, o Goberno deberá crear unha Carta de "Servizos Bancarios Mínimos Esenciais" ou "Servizos Bancarios Básicos" que todas as entidades bancarias deberán ofrecer a un custo reducido (como máximo anualmente unha cantidade equivalente ao 1% do SMI mensual) ou custo cero. Entre os servizos que deberían ser considerados como "Servizos Bancarios Mínimos Esenciais" ou "Servizos Bancarios Básicos", polo menos, atoparanse os seguintes:
- Apertura e mantemento da conta de servizos mínimos.
- Tarxetas de débito para operar con esa conta.
- Acceso á conta a través de caixeiros e todos os dispositivos dos que dispoña o banco.
-Realizar depósitos, reintegros, pagos e transferencias interbancarias nacionais sen restricións no número de operacións.
A "Conta Bancaria de Servizos Esenciais" ou "Conta Básica" debe cumprir polo menos os seguinte requisitos:
- O usuario só poderá ter unha conta bancaria aberta en forma de Conta Bancaria de Servizos Esenciais.
-A conta ten que estar aberta como mínimo un ano.
-Ten que ter un saldo medio máximo (que se calculará como porcentaxe do SMI).
No caso de que a conta non cumpra estes requisitos, a entidade bancaria poderá cancelala.
2.- Namentres o Goberno do Estado pon en marcha de maneira xenérica a "Conta Básica Bancaria" ínstase á Xunta de Galicia a dirixirse a todas as entidades bancarias con actividade en Galicia para recomendarlles ofrecela de maneira voluntaria a todas as cidadás e cidadáns vulnerables e, de maneira automática, a todas aquelas que acrediten:
- Ser perceptores da RISGA ou calquera outra renda de inserción.
- Que poidan acreditar que os seus ingresos mensuais son inferiores ao SMI.
- Que, sen poder acreditar os seus ingresos, dispoñan dun certificado dos Servizos Sociais Municipais ou Autonómicos, de atoparse en situación de vulnerabilidade.
3.- Desenvolver os mecanismos necesarios para garantir que os custos destas medidas non sexan trasladados ás persoas usuarias polas entidades bancarias.”
- 9315 (10/PNC-000973)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa e 5 máis
Sobre a realización polo Goberno galego dun informe respecto das consecuencias da reestruturación bancaria en Galicia, a situación de concentración do mercado financeiro tras a desaparición das caixas e entidades bancarias galegas e a súa afección para as persoas usuarias
BOPG n.º 120, do 31.05.2017
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
Realizar un exhaustivo informe que analice as consecuencias da reestruturación bancaria en Galicia, a situación de concentración do mercado bancario após a desaparición das caixas e entidades bancarias galegas e as súas consecuencias para as persoas usuarias de servizos financeiros en Galicia.
Trasladar este informe á Cámara galega para o seu coñecemento e debate."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 9191 (10/PNC-000960)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa e 5 máis
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coas denuncias das persoas usuarias do programa da Axencia Tributaria para a elaboración da declaración da renda de 2016 referidas ás dificultades existentes para realizar os trámites en lingua galega
BOPG n.º 117, do 24.05.2017
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 1 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reclamar da Axencia Tributaria que o galego poida ser empregado en Galicia en todos os trámites que se realicen por esta axencia, corrixindo as eivas denunciadas e comprometéndose a revisar periódicamente os procedementos para garantir a súa rápida detección e solución."