saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 7 de xuño de 2017

5.1 5489 (10/PNP-000462)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Vilán Lorenzo, Patricia e 4 máis
Sobre a solicitude do Goberno galego ao Goberno central da creación ex novo de sete xulgados de reforzo en Galicia, cos medios humanos e materiais necesarios para afrontar, en cada unha das grandes cidades galegas, o probable aluvión de demandas polas cláusulas chan
Publicación do acordo, BOPG n.º 78, do 06.03.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento insta ao Goberno da Xunta de Galicia a solicitar do Goberno do Estado, e escoitando ao Consello Xeral do Poder Xudicial, a creación ex novo de sete xulgados de reforzo en Galicia (un en cada capital de Galicia, en Vigo, en Ferrol e en Santiago de Compostela), cos medios persoais e materiais necesarios (é dicir, unha sala cun xuiz, un letrado da Administración de Xustiza, funcionarios, unha sede e reparto propios) coa fin de facer fronte ás demandas polas cláusulas chan, sempre que o ingreso de demandas sexa superior a 900 por xulgado”.
 
5.3 7448 (10/PNP-000675)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Núñez Centeno, Aurelio Alfonso e 6 máis
Sobre a elaboración e aprobación dun calendario vacinal para o adulto
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 100, do 19.04.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia á elaboración e aprobación dun calendario vacinal para o adulto nos próximos tres meses,  e que conteña unha estimación de custe económico das modificacións sobre este calendario. O Goberno galego comprométese a publicar na páxina web da Consellería de Sanidade o documento definitivo ou facilitar unha copia por escrito aos distintos grupos parlamentarios representados no Parlamento de Galicia para facilitar o o seu coñecemento e seguimento, así como a realizar todas as actuacións precisas para garantir o acceso permanente ás vacinas incluidas neste calendario”.

5.6 8174 (10/PNP-000758)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fernández Prado, Martín e 7 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa elaboración do novo Mapa de servizos de transporte público de viaxeiros por estrada
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 109, do 03.05.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
 “O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a:
 
1.- Establecer un marco de diálogo e colaboración estable que favoreza a participación dos concellos galegos durante todo o proceso de realización dos traballos de planificación do novo mapa de transportes por estrada co obxectivo de que os novos servizos a implantar respondan con maior eficacia ás necesidades reais dos cidadáns.
 
2.- Solicitar unha participación activa das deputacións provinciais na definición do novo mapa de servizos que está a ser obxecto de planificación por parte da Xunta e demandar a súa implicación, tanto técnica como económica, de cara a un posible reforzamento e mellora dos servizos de transporte público por estrada”.
 
5.7 8382 (10/PNP-000782)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Sobre a posición do Parlamento de Galicia respecto da supresión do instituto do aforamento dos deputados e das deputadas e a incorporación desta posición ao conxunto de reformas do Estatuto de autonomía de Galicia que se aborden no seu momento
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 109, do 03.05.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“1.- O Parlamento de Galicia considera necesaria a supresión do instituto do  aforamento das deputadas e deputados, preservando en todo momento que estas persoas non podan ser perseguidas polas opinións ou votos emitidos no exercicio das súas funcións. Esta posición deberá ser incorporada ao conxunto de reformas do Estatuto de Autonomía de Galicia  que no seu momento se aborde.
 
2.- O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a trasladar esta posición aos grupos parlamentarios das Cortes Xerais para que calquera reforma do aforamento dos representantes nas Cámaras lexislativas estatais e autonómicas sexa tratada tamén dentro dun acordo a nivel estatal”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina