A Comisión 2.ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, na súa sesión do 16 de maio de 2017, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación con modificacións
- 8187 (10/PNC-000860)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Bará Torres, Xosé Luís e 5 máis
Sobre a negociación pola Xunta de Galicia co Goberno central e o Concello de Vigo dunha proposta de transformación en vía urbana do treito da autoestrada AP-9 comprendido entre as Torres de Padín e a cidade de Vigo, o financiamento das obras de xeito conxunto e a demanda da supresión da peaxe no treito entre Rande e Vigo
BOPG n.º 109, do 03.05.2017
Sométese a votación por puntos.
-Punto primeiro: aprobado por 10 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.
-Punto segundo: rexeitado por 5 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.
-Punto terceiro: aprobado pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
1. Negociar co Goberno do Estado e o Concello de Vigo unha proposta de transformación en vía urbana do treito da autoestrada AP 9 entre as Torres de Padín e a cidade de Vigo.
2. Demandar do Goberno do Estado a supresión da peaxe no treito entre Rande e Vigo."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 5174 (10/PNC-000498)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fernández Prado, Martín e 8 máis
Sobre o inicio polo Goberno galego das obras da variante de Aradas no ano 2017, para o seu remate no ano 2019
BOPG n.º 70, do 21.02.2017
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a iniciar as obras da Variante de Aradas no ano 2017 co obxectivo de que estean finalizadas no ano 2019”.
- 6589 (10/PNC-000665)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Blanco Paradelo, Moisés e 8 máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central do impulso dunha rehabilitación estrutural da estrada N-120, Logroño-Vigo, en especial no tramo Valdeorras-Monforte de Lemos, así como a continuación cos traballos de desmonte e saneamento de rochas para impedir desprendementos
BOPG n.º 87, do 22.03.2017
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia para que traslade ao Ministerio de Fomento do Goberno de España a necesidade de impulsar unha rehabilitación estrutural do firme da estrada Nacional-120, especialmente no tramo que transcorre desde Valdeorras ata Monforte de Lemos, e que continúe cos traballos de desmontes e saneamentos de rochas co fin de impedir desprendementos”.