saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia, 23-11-2010

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia
 
PNP 29802
 
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que leve a cabo os traballos que resulten pertinentes para a inclusión na carteira de servizos complementaria do sistema público de saúde de Galicia de técnicas de hidroloxía médica pautadas segundo a medicina baseada na evidencia.
 
 
 
 
PNP 41446

O Parlamento insta a Xunta de Galicia para que:
 
1.— Promova a detección temperá das necesidades específicas de apoio educativo, particularmente as asociadas á discapacidade, para iniciar o antes posible as medidas de atención educativa máis axeitadas, incorporando sistemas de detención nas escolas infantís de 0-3 anos.
 
2.— Potencie actividades de formación do profesorado dentro dos plans anuais a prol de posibilitar unha atención educativa de calidade sobre o alumnado con necesidades educativas especiais. Os membros da Inspección educativa e os responsables da orientación educativa deberán, así mesmo, dispor dunha oferta formativa especial coa mesma finalidade.
 
3.— Promova a cooperación entre as organizacións representativas das familias de alumnos con necesidades educativas especiais para desenvolver a mellor atención educativa destes.
 
4.— Favoreza a participación deste alumnado nos programas educativos especiais que se desenvolvan nos centros, tales como Abalar, Plurilingüismo, PCPI, e nas actividades complementarias en horario lectivo.
 
5.— Desenvolva as actuacións necesarias co fin de que a escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais se rexa polos principios de inclusión, promovendo a colaboración con outras administracións ou entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, así como de institucións ou asociacións.
 
6.— Promova a dotación de recursos aos centros que escolarizan alumnos con necesidades específicas de apoio educativo co fin de atender este alumnado con calidade e equidade.
 
7.— Dentro do Plan Acción Integral para persoas con discapacidade, prestarase especial atención á inclusión educativa de alumnado con necesidades específicas de apoio, contemplándose obxectivos e recursos materiais e humanos suficientes para levalos a cabo.
 
 
PNP 51820

O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que:
 
1.— Implante en todas as áreas sanitarias —ao longo do vindeiro ano— o protocolo de actuación sanitaria ante casos de violencia de xénero, coa finalidade de mellorar a detección precoz da violencia de xénero e de promover o restablecemento das mulleres que sufran violencia.
 
2.— Adopte as medidas oportunas co fin de garantir a formación e a sensibilización en igualdade e loita contra a violencia de xénero da totalidade do persoal que traballa no ámbito sanitario.
 
 
PNP 51871
 
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que:
 
1.— Promova a modificación da normativa vixente en materia de accesibilidade e supresión de barreiras co fin de dar cumprimento ao disposto na Lei estatal 27/2007, sobre a lingua de signos, e mais na Convención da ONU sobre dereitos das persoas con discapacidade.
 
2.— Entanto esta modificación normativa non se verificar, interprete e aplique a normativa vixente de conformidade co principio de accesibilidade universal das persoas con discapacidade, en igualdade de condicións co resto de persoas, ao medio físico, ao transporte e aos servizos de información e comunicación, e en particular:
 
— Presente no Parlamento un plan de adaptación dos edificios de uso público e vías públicas que aínda manteñen barreiras que impiden ou dificultan a plena accesibilidade das persoas con discapacidade.
 
— Avance na subtitulación e na audiodescrición na TVG e nas canles televisivas de competencia autonómica, introducindo a subtitulación en todos os servizos informativos.
 
— Faga accesíbeis as páxinas web do sector público galego ás persoas con discapacidade preferentemente a través do uso de software libre.
 
— Presente no Parlamento un plan que asegure a plena accesibilidade e a liberdade de elección das persoas con discapacidade aos servizos públicos, con particular atención ao ensino, a sanidade, a xustiza e os servizos sociais.
 
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2010

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina