3.2 4820 (10/PNP-000410)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia Blanco Paradelo, Moisés, e trece deputados/as máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central para garantir o cumprimento dos obxectivos europeos de cobertura das redes de telecomunicación de nova xeración e aumentar a eficiencia dos fondos públicos, así como posibilitar o acceso a unha velocidade de 30 megabits por segundo, cando menos, ao 90 % dos habitantes das poboacións de menos de cinco mil habitantes en Galicia.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG
nº 67, do 16.02.2017
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
1º. Dirixirse ao Goberno de España para colaborar coa Xunta de Galicia para desenvolver unha actuación conxunta de despregamento de redes de acceso de nova xeración (NGA) de moi alta velocidade (100 Mbps), empregando os fondos europeos dos que dispoñen ambas as administracións, para garantir o cumprimento dos obxectivos europeos de cobertura das redes de nova xeración á vez que se aumenta a eficiencia dos fondos públicos.
2º. Dirixirse ao Goberno de España para obrigar os operadores que resultaron adxudicatarios de bloques de frecuencias na banda de 800 Mhz a completar conxuntamente, antes do 1 de xaneiro de 2020, unha cobertura que permita o acceso a unha velocidade de 30 megabits por segundo (Mbps) a, cando menos, o 90 % dos habitantes das poboacións de menos de 5.000 habitantes de Galicia.»
3.4 5521 (10/PNP-000466)
Grupo Parlamentario de En Marea
Quinteiro Araújo, Paula, e Rodríguez Estévez, David
Sobre a execución pola Xunta de Galicia, no ano 2017, das obras do plan de regadío da comarca da Limia
Publicación da iniciativa, BOPG nº 75, do 01.03.2017
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a iniciar a licitación das obras do plan de modernización de regadío da comarca da Limia antes de xuño de 2018.»
3.7 5818 (10/PNP-000496)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Torrado Quintela, Julio, e Blanco Rodríguez, Noela
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coas restricións impostas ás comunidades autónomas mediante as limitacións ás taxas de reposición de prazas no Sistema Nacional de Saúde, a convocatoria dunha OPE no ano 2017, así como o establecemento dun plan plurianual de contratación na sanidade pública
Publicación da iniciativa, BOPG nº 79, do 08.03.2017
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
1. Instar o Goberno de España a eliminar do ordenamento legal as restricións impostas ás comunidades autónomas mediante as limitacións ás taxas de reposición de prazas no Sistema Nacional de Saúde cando estas afecten postos de traballo de carácter estable.
2. Coa eliminación da taxa de reposición, convocar unha OPE no ano 2017 que chegue ás 1.600 prazas inicialmente anunciadas.»
3.8 6054 (10/PNP-000521)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Trenor López, Gonzalo, e trece deputados/as máis
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa negociación coa Fegamp duns criterios claros de prioridade nos investimentos en materia de obras hidráulicas, así como o establecemento dunha estrutura tarifaria de referencia para a xestión da auga
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG nº 79, do 08.03.2017
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dar prioridade á negociación coa Federación Galega de Municipios e Provincias co obxecto de acordar, no próximo ano, e en desenvolvemento dos obxectivos do Protocolo de colaboración e desenvolvemento do Pacto Local para a xestión do ciclo urbano da auga, os seguintes obxectivos:
— A determinación, mediante consenso coa FEGAMP, de criterios obxectivos de prioridade na actuación nos investimentos en materia de obras hidráulicas por parte de Augas de Galicia e de criterios obxectivos de cofinanciamento destes investimentos.
— O establecemento dunha estrutura tarifaria de referencia.»
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.