saltar ao contido

Normas de funcionamento da Comisión de investigación para analizar e avaliar a evolución económico-financeira das antigas caixas

Normas de funcionamento da Comisión de investigación constituída para analizar e avaliar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforros e as causas e responsabilidades da súa transformación en bancos, incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus ex directivos, co obxecto de rematar os traballos realizados na IX Lexislatura
 
(Aprobadas pola Comisión o 10 de marzo de 2017)

I.  Obxecto e duración

Artigo 1
 
 A Comisión créase co obxecto de analizar e avaliar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforros e as causas e responsabilidades da súa transformación en bancos, incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus ex directivos, co obxecto de rematar os traballos realizados na IX Lexislatura.
 
Artigo 2
 
 A Comisión extinguirase ao remate do labor encomendado, no máis breve prazo de tempo posible.

II. Organización
 
Artigo 3
 
 A Mesa é o órgano de dirección e impulso das actividades da Comisión e exercerá as seguintes funcións:
a) Recompilar toda a información e documentación imprescindible para realizar a tarefa encomendada.
b) Organizar as actividades que se consideren necesarias para dotar a Comisión de todo tipo de informacións de interese para a elaboración das conclusións.
c) Preparar os documentos que deban ser sometidos á deliberación da Comisión.
d) Executar os acordos adoptados pola Comisión.
e) Propoñerlle á Comisión un plan de traballo e un calendario xeral de actividades, logo de escoitar as propostas dos distintos grupos parlamentarios.
f) Aquelas que en calquera momento lle asigne a Comisión.

Artigo 4

1. A Comisión designará unha Ponencia na primeira reunión que se produza despois da aprobación destas normas.
2. As comparecencias terán lugar en comisión, agás que, por acordo da propia Comisión, se acorde levalas a cabo en Ponencia.

III. Funcionamento
 
Artigo 5
 
 A Comisión será convocada pola súa presidenta, de acordo coa  súa Mesa.
 
Artigo 6
 
 A Comisión entenderase validamente constituída cando asistan a metade máis un dos seus membros. Os acordos tomaranse por maioría simple.
 
Artigo 7
 
 1. Os traballos e as deliberacións da Comisión axustaranse ao previsto no artigo 70 do Regulamento do Parlamento de Galicia.
 2. A actuación dos deputados e deputadas deberá axustarse ao previsto no artigo 13 do Regulamento do Parlamento de Galicia.

IV. Medios de acción
 
Artigo 8
 
 1. A Comisión, a través do presidente do Parlamento, poderá exercer as facultades previstas no artigo 44  do Regulamento da Cámara.
 2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, calquera deputado ou deputada poderá facer uso da facultade de información recoñecida no artigo 9 do Regulamento da Cámara.
 
Artigo 9
 
 1. Sempre que se solicitase a presenza dalgunha autoridade ou particular para comparecer na Comisión ou, se é o caso, na Ponencia, os extremos sobre os que deba informar deberán serlle comunicados cunha antelación mínima de cinco días hábiles, debendo ser advertido dos seus dereitos así como da posibilidade de acudir asistido de letrado ou letrada.
 2. As persoas requiridas en forma legal e baixo apercibimento que deixasen de comparecer incorrerán nas responsabilidades previstas no artigo 502 do Código penal.
Artigo 10
Sempre que o axeitado funcionamento da Comisión o precise, o Parlamento, a través da Mesa, poderá contratar, con carácter temporal, o auxilio de persoas expertas, nos termos que se especifican na disposición derradeira cuarta do Regulamento da Cámara.
As contratacións deberán ser acordadas pola propia Comisión.

V. Plan de traballo
 
Artigo 11
 
A Comisión aprobará un plan de traballo sobre a proposta elaborada pola Mesa desta Comisión, oído o parecer e as achegas das portavoces e dos portavoces dos grupos parlamentarios, e nel figurará o calendario xeral de actividades para a Comisión.
O plan de traballo incluirá os mecanismos para a incorporación de novas comparecencias ou solicitudes de información en función do desenvolvemento da propia Comisión.
 
VI. Comparecencias
 
Artigo 12
 
 Serán admitidas todas as preguntas que formulen os grupos parlamentarios en cada comparecencia, sempre que versen sobre o obxecto da Comisión. Será a presidenta da Comisión a que faga a valoración da pertinencia ou non das preguntas.

VII. Ditame
 
Artigo 13
 
 1. A Ponencia elaborará un proxecto de ditame no que se reflectirán as conclusións da investigación. O proxecto seralle elevado á Comisión para o seu debate e aprobación.
 2. Poderá redactarse, así mesmo, unha memoria na que figuren a metodoloxía seguida, o material utilizado e cantos datos se xulguen de interese. Non obstante, a memoria non será obrigatoria.
 
Artigo 14
 
 O proxecto de ditame deberá conter, a título indicativo:
a) Un relatorio de feitos.
b) A busca e constatación das circunstancias e decisións que puidesen ser as causantes da súa transformación en banco.
c) A análise e valoración das responsabilidades, se é que as houbese.
d) A avaliación das consecuencias e as medidas que se deban adoptar para o futuro.
 
Artigo 15

Ultimado o proxecto de ditame, a presidenta da Comisión remitirállelo aos membros desta, no prazo previsto no calendario de actividades, dándolle conta ao presidente da Cámara destas circunstancias.
Artigo 16
 Os membros da Comisión poderán presentar emendas ao proxecto de ditame no prazo de cinco días hábiles desde a súa remisión.
 
Artigo 17
O proxecto de ditame, coas emendas presentadas, será obxecto de debate no seo da Comisión, para a súa aprobación definitiva.
 
Artigo 18
 
 Os grupos parlamentarios e os deputados e as deputadas poderán formular votos particulares ao ditame aprobado para amosar a súa discrepancia con el ou en relación con aquelas emendas que fosen rexeitadas. Os votos particulares deberán presentarse dentro dos dous días hábiles seguintes á finalización do ditame.
 
Artigo 19
 
 O ditame, cos votos particulares se os houbese, seralle remitido á Mesa do Parlamento, no prazo dos cinco días hábiles seguintes á súa aprobación. A Mesa do Parlamento dispoñerá a súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.
 
Artigo 20
 
 O ditame será sometido a debate e votación no Pleno e, para tal fin, o presidente do Parlamento —oída a Mesa e a Xunta de Portavoces— ordenará o debate, concederá a palabra e fixará os tempos das intervencións.

Artigo 21
 
 1. O ditame aprobado polo Pleno será publicado no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e comunicado á Xunta de Galicia, sen prexuízo de que a Mesa do Parlamento acorde o seu traslado ao Ministerio Fiscal.
 2. Por petición do grupo parlamentario propoñente publicaranse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia os votos particulares rexeitados.
Disposición derradeira
 
 En todo o non previsto por estas normas aplicarase supletoriamente o Regulamento do Parlamento de Galicia.
_________________________________________________________________
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina