saltar ao contido

Santalices: “A implantación e consolidación da autonomía é un éxito conxunto da sociedade galega”

• A Cámara acolleu a presentación do libro que recompila os discursos parlamentarios de Alberto Núñez Feijóo na VIII Lexislatura
 
• O volume, dispoñible en papel e na web “permitirá ao lector adentrarse  nalgunha das claves que explican a conxuntura da Galicia actual como, por exemplo, que este  Parlamento sexa arestora a única Cámara lexislativa de España que conta cunha maioría absoluta”, segundo Santalices
 
• O presidente do Parlamento reivindica o papel desta institución como escenario de diálogo, no que “a relación entre o poder executivo e o lexislativo non  pode nin debe ser unidireccional”
 
Santiago, 1 de marzo de 2017.- “Para España, en xeral, pero moi especialmente para Galicia, o Estado das Autonomías foi unha aposta acertada”, segundo afirmou este mediodía o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, na presentación dun libro que recompila os discursos parlamentarios de Alberto Núñez Feijóo durante a VIII Lexislatura.
 
Para o presidente  do Parlamento, “a implantación e consolidación da autonomía é un éxito do conxunto da sociedade galega, sempre dona do seu futuro a través da elección democrática dos seus representantes”.
 
Santalices Vieira enmarcou a presentación do volume Discursos Parlamentarios de Alberto Núñez Feijóo, Oitava Lexislatura 2009-2012, o oitavo da colección do Parlamento dedicada aos presidentes de Galicia, na celebración do 35 aniversario da Cámara, unha celebración  concibida “con vocación divulgativa”.
 
Sobre o libro presentado hoxe, dispoñible en papel, pero tamén accesible a través da web do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira avanzou que “permitirá ao lector adentrarse  nalgunha das claves que explican a conxuntura da Galicia actual como, por exemplo, que este  Parlamento sexa arestora a única Cámara lexislativa de España que conta cunha maioría absoluta”.
 
Aceptación social das institucións
 
A xuízo do presidente do Parlamento, “resulta incuestionable a solidez do modelo de autogoberno de Galicia, solidez acentuada pola aceptación social das diferentes institucións que o configuran, consecuencia dunha xestión que converteu a moderación en norma de conduta e fuxiu de enfrontamentos e provocacións, tan prescindibles como indesexables”.
 
Destacou tamén o protagonismo do Parlamento durante a Lexislatura obxecto deste libro, protagonismo derivado da tramitación de textos lexislativos de  transcendencia “nun escenario económico de enorme complexidade”, entre os que Santalices destacou os referidos á disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira ou a lei de racionalización do gasto na prestación farmacéutica.
 
Santalices Vieira reivindicou tamén o Parlamento como un escenario de diálogo, no que “a relación entre o poder executivo e o lexislativo non  pode nin debe ser unidireccional”. O titular do Lexislativo galego rematou a súa intervención expresando o seu recoñecemento “a cada un dos protagonistas desta colección, a todos os presidentes de Galicia”.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina