• Destaca que a primeira muller conselleira de Facenda está avalada por un “currículo extenso, que conxuga unha excelente cualificación profesional cunha dilatada experiencia”
• Sinala que a designación de Fernández Currás non lle sorprendeu, dado o compromiso de Núñez Feijóo de incorporar ao Goberno profesionais rigorosos “sen máis ataduras que servir aos intereses de Galicia”
• “A conselleira e o seu equipo souberon manexar o complicado da situación para lograr que Galicia poida cumprir coa estabilidade orzamentaria, ao tempo que se garante a prestación dos servizos públicos esenciais”, afirma Rojo Noguera
Santiago, 12 de novembro de 2010.- Marta Fernández Currás
“é unha persoa que transmite credibilidade e confianza, cualidades importantísimas para todo xestor público, sobre todo nestes difíciles momentos que estamos a vivir”. Son palabras da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, esta mañá, en Santiago, onde presentou á conselleira de Facenda da Xunta antes da conferencia pronunciada por esta en Nueva Economía Fórum.
“A súa designación (a de Fernández Currás) como conselleira non me sorprendeu en absoluto –recoñeceu Rojo Noguera- , xa que tiña ben presente o compromiso adquirido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de incorporar ao seu Goberno a profesionais serios e rigorosos, sen máis ataduras que servir aos intereses de Galicia e ao conxunto dos seus habitantes”.
Abundando nesta idea, agregou que a actual conselleira de Facenda “é unha gran traballadora, unha persoa capaz e íntegra, que antepón, en todo momento, o rigor e a seriedade profesional fronte a calquera outro tipo de consideración”.
Valoración
A xuízo da presidenta da Cámara galega, á conselleira de Facenda “estalle tocando xestionar o momento máis complicado da nosa historia autonómica no referido ás contas públicas”, pero “o seu labor só pode ser valorado en termos positivos, pois non resulta nada doado conseguir cadrar unhas contas nun contexto económico como o actual”.
Garantir os servizos públicos esenciais
“Facer posible un control rigoroso do déficit público, que permita garantir a solvencia da nosa Comunidade Autónoma e, ao mesmo tempo, ser capaces de garantir a prestación de servizos públicos esenciais –e manter un nivel de investimento axeitado– era o reto ao que Galicia se enfrontaba para o ano 2011”. Sen embargo, “a conselleira e o seu equipo souberon manexar o complicado da situación para lograr que Galicia poida cumprir coa estabilidade orzamentaria, ao tempo que se garante a prestación dos servizos públicos esenciais”.
A titular do lexislativo galego apuntou que se ben coñece desde hai moito tempo a Marta Fernández Currás, non foi ata a súa designación como conselleira de Facenda cando comezou a tratala con maior asiduidade.
Primeira muller interventora xeral e conselleira de Facenda
Do avultado currículo profesional de Fernández Currás, a presidenta do Parlamento destacou que foi a primeira muller que desempeñou a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e tamén a primeira muller en dirixir a Consellería de Faceda da Xunta. “É a aposta dun Goberno por unha muller preparada, cun currículo extenso que conxuga unha excelente cualificación profesional cunha dilatada experiencia nas administracións central e autonómica”, afirmou a presentadora da conferenciante.
Rojo Noguera valorou tamén a experiencia docente da actual conselleira de Facenda e que se traduce nunha “claridade expositiva” que lle permite “facer comprensibles conceptos que moi a miúdo se explican a través de tecnicismos non fáciles de entender”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación