saltar ao contido

Declaración institucional en apoio ao cambio de denominación do Aeroporto de Santiago de Compostela

En datas recentes o Pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou por unanimidade unha declaración institucional na que se insta ao cambio da denominación do Aeroporto de Santiago de Compostela, que pasaría a denominarse “Aeroporto Rosalía de Castro, Santiago de Compostela, Lavacolla”.
 
Rosalía de Castro brilla con luz propia na Historia de Galicia, e é a escritora máis representativa da lingua galega e unha figura fundamental da literatura europea. Rosalía de Castro dedicou a súa vida á recuperación e á forxa da súa identidade persoal, da súa identidade de xénero e da identidade de Galicia, logrando nese camiño unha manifestación artística única e precursora da nosa mellor literatura. O rexurdimento comeza coa publicación de Cantares Gallegos, que devolve a lingua galega á escrita tras séculos de silenciamento.
 
O Aeroporto de Santiago de Compostela – Lavacolla é outro importante referente simbólico de Galicia: representa a conexión coa diáspora galega en Europa e no mundo; e é tamén a principal vía de entrada e saída dos millóns de visitantes que cada ano se achegan a visitar Galicia e a súa capital.
 
Por todos estes motivos o Parlamento de Galicia, atendendo á demanda da corporación municipal de Santiago de Compostela, á que se teñen adherido outras institucións como a Real Academia Galega, manifesta o seu apoio á proposta do cambio do nome do Aeroporto de Santiago de Compostela para que pase a denominarse “Aeroporto Rosalía de Castro, Santiago de Compostela, Lavacolla”.
 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2017

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina