2.1 2756 (10/MOC-000008)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pontón Mondelo, Ana Belén
Sobre a política do Goberno galego en relación coa violencia de xénero en persoas menores de idade (Moción a consecuencia da Interpelación núm. 1876, publicada no BOPG núm. 28, do 14.12.2016, debatida na sesión plenaria do 27.12.2016)
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 43, do 12.01.2017
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia acorda constituír unha ponencia dentro da Comisión Non Permanente de Estudo para a igualdade e para os Dereitos das Mulleres coa finalidade de:
1- Promover un Pacto galego contra a violencia de xénero que como mínimo inclúa as seguintes medidas:
a) O incremento dos recursos económicos destinados á prevención e á asistencia das vítimas da violencia de xénero e das súas fillas e fillos.
b) O estudo da modificación da Lei Galega 11/2007, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero para incluír na mesma o concepto de feminicidio.
c) A mellora dos medios e recursos da xustiza, concretada:
• Na dotación dos recursos necesarios para mellorar os medios xudiciais en materia de violencia contra as mulleres.
• Na garantía de existencia, no marco dos medios dispoñibles en cada edificio xudicial, de mecanismos de separación entre vítimas e agresores nos xulgados galegos.
• Na garantía de formación especializada en violencia de xénero de todo o persoal que intervén no proceso xudicial, incluíndo médicos/as forenses e equipos psicosociais.
• Na aplicación dun protocolo forense de valoración do nivel de risco para os casos de violencia de xénero nas unidade de valoración forense.
d) O desenvolvemento durante o 2017 das medidas de coeducación previstas no I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia.
e) Intensificar as medidas de prevención da violencia de xénero coas seguintes actuacións:
• Posta en marcha, de xeito periódico, de campañas de información e sensibilización dirixidas á poboación en xeral e específicas para a mocidade, que teñan como obxectivo mudar os estereotipos sexistas, que incidan no rexeitamento social sobre todas as formas de violencia de xénero e que informen dos medios e recursos a disposición das mulleres que se atopen en situación de violencia de xénero. As campañas terán especial divulgación nos medios de comunicación de titularidade pública, nos centros escolares, educativos, sociais, sanitarios, laborais, culturais e deportivos.
• Aplicar o artigo 15 da Lei 11/2017, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero relativo a formación da totalidade das e dos profesionais.
f) A aplicación do artigo 25 da Lei 11/2017, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero que considera a atención psicolóxica como un servizo de atención primaria. E en relación cos programas de atención psicolóxica:
• Promoción dos cambios legais necesarios para que as mulleres en situación de violencia de xénero non teñan que informar ao outro proxenitor da decisión de que a/o menor inicien un tratamento psicolóxico coa finalidade de abordar o impacto psicolóxico sufrido por presenciar violencia de xénero.
• Ampliación da atención psicolóxica aos homes menores de idade con problemas de conduta.
g) A elaboración, en colaboración coa FEGAMP e os concellos, de protocolos de prevención e atención a situación de violencia machista naquelas entidades locais que non dispoñan do mesmo ou que precisen da súa actualización por parte de persoal cualificado.
h) A promoción da avaliación, externa e independente por parte do Observatorio Galego de Violencia de Xénero, do cumprimento e do impacto en Galicia da lei galega e da lei estatal contra a violencia de xénero , así como das medidas necesarias para mellorar a eficacia das políticas públicas para acabar coa violencia de xénero que será remitida ao Parlamento de Galicia.
i) A promoción, tanto en medios públicos como privados, do cumprimento dos principios establecidos na Declaración de Compostela, procurando a responsabilidade e implicación dos medios de comunicación social no combate á violencia machista e evitando o morbo e sensacionalismo no tratamento informativo da violencia machista.
k) O establecemento de medidas para evitar a vitimización secundaria das mulleres en situación de violencia de xénero e articulación de medidas que salvagarden a súa intimidade á hora de acceder aos diferentes recursos e servizos que poñen á súa disposición ás diferentes administracións públicas.
2- A elaboración dun documento de consenso de todos os grupos políticos con representación na cámara, co obxectivo de elevar unha posición única e conxunta, á xuntanza da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas de Senado, que se acordou convocar na Conferencia de Presidentes do 17 de xaneiro de 2017, co fin de incorporar as achegas da Comunidade Autónoma de Galicia aos traballos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.