saltar ao contido

O Parlamento de Galicia conmemora este sábado os 35 anos do autogoberno de Galicia

 
• O acto institucional enmárcase na celebración do 35 aniversario da constitución da Cámara, faise coincidir coa data na que se conmemora a toma de posesión do primeiro presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor, e busca poñer en valor o papel central da Cámara no sistema autonómico galego
 
• Santalices valora o labor divulgativo destes actos, que considera especialmente interesante para a mocidade galega que naceu en democracia e descoñece en gran medida a xénese da Autonomía

Santiago, 18 de xaneiro de 2017.- O Parlamento de Galicia acollerá o vindeiro sábado, 21 de xaneiro, un acto institucional conmemorativo dos 35 anos do autogoberno de Galicia.
 
A celebración forma parte da programación do 35 aniversario da Constitución do Parlamento de Galicia –que tivo lugar o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez- e faise coincidir coa data na que se conmemora a toma de posesión do primeiro presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor, para poñer en valor o papel central da Cámara no sistema autonómico galego.
 
Exdeputados da primeira lexislatura
 
O acto do vindeiro sábado foi organizado desde unha óptica plural e contará coa intervención de exdeputados dos grupos parlamentarios da primeira lexislatura da Cámara galega.
 
Gerardo Fernández Albor (Santiago, 1917) tomou posesión como presidente da Xunta de Galicia, por vez primeira, o 21 de xaneiro de 1982 nun acto celebrado na Igrexa de San Domingos de Bonaval. Previamente, o 7 de xaneiro desde mesmo ano, Fernández Albor pronunciaba o discurso de investidura diante do Parlamento de Galicia reunido en Xelmírez.
 
Homenaxe e divulgación
 
O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, considera que actos como o previsto para o vindeiro sábado permiten render homenaxe aos protagonistas da Galicia contemporánea, ao que tempo que contribúen a divulgar o seu traballo entre a sociedade galega.
 
Santalices estima que ese labor divulgativo resulta especialmente interesante no referido á mocidade galega que naceu e medrou en democracia e descoñece en gran medida a xénese da Autonomía.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina