saltar ao contido

Deputados, funcionarios e xornalistas comproban se padecen EPOC, unha enfermidade pulmonar infradiagnosticada


 
Pilar Rojo afirma que o Parlamento de Galicia “apoiará sempre calquera iniciativa que sirva para a prevención e a mellora das saúde dos galegos e das galegas”
 
• O Parlamento de Galicia acolle a  'Xornada EPOC: un reto, un compromiso', impulsada pola Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR) e a Universidade dos Pacientes, co apoio de SOGAPAR
 
• Busca  sensibilizar e concienciar á clase política e á opinión pública sobre esta enfermidade
 
• A Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC) é unha doenza prevenible que se diagnostica demasiado tarde e que afecta ao 10,2% da poboación de entre 40 e 79 anos.
 
Santiago de Compostela, 9 de novembro 2010. Os parlamentarios, funcionarios e xornalistas que hoxe traballaron no Parlamento de Galicia tiveron oportunidade de someterse a unha sinxela proba médica para determinar se sofren EPOC (Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica). A Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR) e a Universidade dos Pacientes da Fundació Josep Laporte, co apoio de SOGAPAR, celebraron hoxe a 'Xornada EPOC: un reto, un compromiso', unha iniciativa que xorde co obxectivo de sensibilizar e concienciar á clase política e á opinión pública sobre unha enfermidade que se pode previr, pero que aínda ten unha elevada prevalencia e está pouco diagnosticada.
 
O Parlamento de Galicia, coa saúde
 
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, que inaugurou a xornada, asegurou que a Cámara “apoiará sempre calquera iniciativa que sirva para a prevención e a mellora das saúde dos galegos e das galegas”, como xa fixo anteriormente con iniciativas a prol da doazón de sangue ou de prevención das enfermedades cardiovasculares.
 
Rojo Noguera indicou que o Parlamento, como primeira institución de Galicia, “é un dos lugares que deben dar exemplo” en materia de prevención e promoción da saúde.
 
A Xornada foi deseñada conforme a un Protocolo elaborado por 10 especialistas en EPOC, membros da SEPAR e outras institucións relacionadas coa enfermidade, co fin de levar a cabo un estudo que, baixo a denominación de Cribaxe espirométrico e enquisa de coñecemento no Parlamento Español (Congreso e Senado) e Parlamentos autonómicos (ConSEPOC), determinará a prevalencia da EPOC entre os senadores, deputados e parlamentarios autonómicos, así como a súa percepción e coñecemento sobre a enfermidade.
Diminución irreversible da función respiratoria
 
A EPOC é unha patoloxía do sistema respiratorio que provoca a obstrución das vías respiratorias inferiores desencadeando unha diminución irreversible na función respiratoria. Afecta a un 10,2% da poboación de entre 40 e 79 anos, pero en máis dun 70% dos casos aínda non está diagnosticada. A EPOC, que causa case 15.000 mortes ao ano en España ten unha evolución lenta e progresiva. Na maioría dos pacientes, cando acoden ao médico, a patoloxía encóntrase nun estadio avanzado e frear o seu progreso resulta moi complicado, o que repercute negativamente sobre a súa calidade de vida.
 
Así o puxo de manifesto durante a Xornada o doutor Juan Ruiz Manzano, Presidente da SEPAR, que asegurou que "xeralmente a EPOC é diagnosticada cando está nun estado moi avanzado. A consecuencia é o atraso na intervención sobre os factores do risco, a perda de calidade de vida dos pacientes, o aumento dos anos potenciais de vida perdidos polo paciente e o incremento de custos para a sanidade pública".
 
Por iso, durante a Xornada, SEPAR fixo fincapé na importancia de adoptar medidas para fomentar un diagnóstico precoz da patoloxía. "É preciso concienciar á poboación e á comunidade sanitaria da necesidade de que todo fumador maior de 40 anos, cun historial de tabaquismo e, sobre todo se ten algún síntoma, debe realizar unha espirometría para determinar o estado dos seus pulmóns", incidiu a doutora Miriam Calle coordinadora da área EPOC de SEPAR.
 
Diagnóstico precoz
 
Cando o paciente non acode ao médico, é fundamental fomentar a busca activa por parte dos médicos de Atención Primaria e especialistas. "A realización dunha proba tan doada e rápida como unha espirometría sería suficiente para un diagnóstico precoz da EPOC", asegurou a coordinadora da área de EPOC da SEPAR.
 
A espirometría é unha proba moi sinxela, que se realiza en tan só uns minutos, simplemente soprando con forza e rapidez a través do espirómetro. Con ela, mídese a cantidade de aire que cabe nos pulmóns e a velocidade á que esa persoa pode expulsalo. Desta forma, coñécese a función respiratoria do paciente que realiza esta proba, a súa capacidade pulmonar ou se os bronquios están obstruídos.
 
A EPOC causa 1.400 mortes anuais en Galicia
 
A Xornada conta co apoio loxístico de SOGAPAR, en canto á dotación de material técnico e humano. Carmen Montero, presidenta de SOGAPAR aproveitou a ocasión para alertar a poboación da gravidade desta enfermidade, "A EPOC produce en Galicia preto de 1.400 mortes anuais, das cales un 68% son homes e un 32% son mulleres. Ademais, a comunidade galega é onde máis mulleres morren por esta causa de toda España, cunha taxa de mortalidade de 9,46 por cada 100.000
mulleres".
 
O doutor Julio Ancochea, coordinador da Estratexia en EPOC do Sistema Nacional de Saúde e Xefe do Servizo de Pneumoloxía do Hospital La Princesa de Madrid, destacou que "a EPOC non é unha enfermidade reversible. Non obstante, grazas a un diagnóstico precoz e aos tratamentos dispoñibles, pódese frear o seu curso e diminuír significativamente as limitacións na vida diaria do paciente. Deixar de fumar é a actuación máis eficaz para reducir o risco de padecer EPOC e deter o seu avance, xa que o tabaquismo é a súa principal causa".
 
O Dr. Joan Soriano, epidemiólogo membro de SEPAR, resaltou que é necesario que se adopten medidas para potenciar o diagnóstico precoz e tratamento da enfermidade, xa que previsiblemente a súa prevalencia aumentará de forma significativa nos próximos anos. "As previsións indican que a poboación española chegue ao seu crecemento máximo en 2050 con 53 millóns de habitantes e a un envellecemento máximo arredor do ano 2060, o que supoñerá un incremento da poboación de risco. Por iso, resulta lóxico proxectar que imos asistir" a unha epidemia de EPOC" "nos próximos anos", engadiu.
 
Estratexias informativas
 
Pola súa banda, Laura Fernández, membro da Universidade dos Pacientes, insistiu no compromiso urxente de mellorar a calidade de vida do paciente con EPOC. "Na actualidade entre o 20 e o 30% dos pacientes diagnosticados de EPOC sofre unha forma avanzada da enfermidade no momento do diagnóstico e ve minguada a súa capacidade para facer tarefas cotiás. Un 50% dos pacientes con EPOC falece antes de 10 anos dende que se efectúa o diagnóstico". Por outro lado, destacou a necesidade de desenvolver estratexias informativas que permitan que os cidadáns coñezan os factores de risco e as consecuencias da EPOC.
 
En cifras económicas, a EPOC supón un 2% do presuposto da sanidade pública e un 0,2% do PIB español, cun gasto de tratamento que supera os 2.600 millóns ao ano. Os custos hospitalarios adoitan ser a partida máis importante (40-45%, en segundo lugar o atribuído a fármacos (35-40%), seguido do xerado das visitas e probas diagnósticas (15-25%).
 
Na xornada celebrada esta mañá no Parlamento participaron un total de 112 persoas. Destas, 47 eran deputados e o resto, traballadores da Cámara e xornalistas.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina