saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 23 de novembro de 2016

2.2 545 (10/PNP-000024)
Grupo Parlamentario de En Marea
Sánchez García, Antón
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central e aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados en relación coa introdución dunha modificación no artigo 74.2 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, referida á posibilidade de regulación polos concellos dunha bonificación na cota integra do imposto de bens inmobles
Publicación da iniciativa, BOPG nº 8, do 07.11.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a acordar coa FEGAMP unha solicitude conxunta ao Gobenro do Estado para impulsar a reforma do artigo 74.2 do TRLRFL para os efectos de incluír unha nova bonificación potestativa da vivenda habitual de ata o 90 % da cota íntegra do imposto a favor daqueles suxeitos pasivos que acrediten unha situación económica de insuficiencia de rendas familiares, modulable en función do valor catastral do inmoble.»

2.3 556 (10/PNP-000025)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Rodil Fernández, Olalla, e cinco deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para garantir unha atención axeitada á interrupción voluntaria do embarazo na rede sanitaria pública, así como os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres do medio rural
Publicación da iniciativa, BOPG nº 10, do 09.11.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a non recorrer contra a sentenza xudicial que condena por neglixencia o SERGAS no caso concreto da muller mariñá que perdeu o útero e asumir, como xa fixo
publicamente o propio presidente, as consecuencias da súa actuación neglixente.» 
 
 
2.7 714 (10/PNP-000049)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Tellado Filgueira, Miguel Ángel, e trece deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coas intencións da empresa Ferroatlántica de vender as centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande. (Procedemento de urxencia)
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG nº 10, do 09.11.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
1. Que faga os estudos técnicos e xurídicos oportunos sobre a anunciada proposta de venda feita por Ferroatlántica das centrais hidroeléctricas que posúe nos ríos Xallas e Grande, en relación coa súa compatibilidade co condicionado existente nas resolucións administrativas de transmisión da titularidade destas centrais.

2. Que manteña informados puntualmente os representantes dos traballadores das centrais hidroeléctricas e das fábricas de ferroalixes de Cee e Dumbría dos diferentes acontecementos que vaian xurdindo en relación con esta operación.

3. Que todas as actuacións que realice en relación con este asunto vaian dirixidas a salvagardar os empregos, as actividades industriais e enerxéticas, e a competitividade das empresas.»
 
2.8 730 (10/PNP-000054)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fernández Prado, Martín, e trece deputados/as máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Concello de Vigo da realización das adaptacións tecnolóxicas necesarias para compatibilizar os dispositivos de cobramento do transporte urbano Vitrasa coa tarxeta Transporte Metropolitano de Galicia. (Procedemento de urxencia)
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG nº 10, do 09.11.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar do Concello de Vigo a que leve a cabo, coa maior brevidade posible e segundo as condicións acordadas no convenio asinado, as adaptacións tecnolóxicas necesarias para que os dispositivos de cobramento do transporte urbano Vitrasa sexan compatibles coa tarxeta Transporte Metropolitano de Galicia, para que os veciños deste municipio e da súa área se poidan beneficiar, canto antes, de todos os descontos previstos no Plan de Transporte Metropolitano.»

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina