saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia con motivo do 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia contra a muller

 
O Parlamento de Galicia, con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia de xénero que se conmemora o día 25 de novembro, quere amosar o seu firme compromiso coa erradicación de calquera tipo de discriminación que permita que esta violencia persista na nosa sociedade.
 
A violencia machista debe converterse nun asunto de Estado, polo que previr e poñer fin á violencia exercida contra as mulleres é un obxectivo prioritario e irrenunciable, de profundo calado social.
 
Se queremos acabar ca violencia machista debemos evitar os pasos que se inician baixo as referencias dunha cultura machista, especialmente entre a poboación máis moza. O  respecto, a liberdade e a igualdade son piares básicos que deben impregnar a nosa sociedade e, asemade, o noso marco normativo.
 
A Lei orgánica 1/2004, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e a Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, obtiveron no seu día o consenso xeral de todas as forzas políticas.
 
Estas leis marcaron un antes e un despois na concepción do que é violencia machista, xa que ambas recoñecen que estamos ante o símbolo máis brutal da desigualdade existente na sociedade. Así as cousas, debemos avanzar cara a un marco lexislativo que recoñeza a violencia exercida contra as mulleres alén das relacións de parella visibilizando agresións normalizadas e naturalizadas socialmente.
 
Todas as medidas son insuficientes mentres unha muller viva baixo o medo e a falta de liberdade que iso supón e calquera balance será negativo mentres haxa unha soa muller asasinada por esta causa.
 
A actual situación de emerxencia que vivimos na nosa sociedade coa lacra da violencia machista precisa do firme compromiso de todos e todas, avanzando conxuntamente na mellora das estratexias a seguir. Poñeremos todos os medios na nosa man para mellorar a atención ás vítimas, dende a protección, a achega de alternativas e o acompañamento nas situacións de transición emancipadora.
 
Este ano 2016, o Parlamento galego aprobou a Lei 12/2016, do 22 de xullo, pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificándose, entre outros aspectos, o artigo 39 da lei, de xeito que a axuda periódica para as vítimas da violencia de xénero se configure como un procedemento cun prazo de solicitude aberto durante todo o ano.
 
Temos que seguir avanzando na completa erradicación da violencia que se exerce contra as mulleres a través da articulación de máis medidas, máis recursos e máis coordinación.
 
Manteñamos o espírito de unidade e de consenso e avancemos, xuntos e xuntas, da man de toda a sociedade, cara a un gran pacto que nos una para acabar coa violencia machista.
 

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2016.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina