• O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía a sesión solemne de apertura da X Lexislatura
• Felicítase polo “clima de sana confrontación dialéctica” do debate de investidura, “unha normalidade institucional que reclamo solemnemente para toda a Lexislatura”
• Recorda que a Cámara está obrigada a aplicar e analizar as medidas de impulso democrático aprobadas na pasada lexislatura, sen perder de vista o afianzamento da recuperación económica iniciada e o impulso da cohesión territorial
Santiago, 15 de novembro de 2016.- O Parlamento de Galicia celebrou este mediodía a sesión solemne de apertura da X Lexislatura, un Pleno no que o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, marcou como obxectivos que “o respecto institucional e persoal, a capacidade de interlocución e a permanente disposición para entenderse co adversario” estean por riba de calquera outra consideración.
Na declaración de apertura da X Lexislatura, Santalices Vieira valorou o “clima de sana confrontación dialéctica” rexistrado no Hemiciclo durante o recente debate de investidura, “unha normalidade institucional que reclamo solemnemente para toda a Lexislatura” que comeza. Apuntou, nesta liña, que “unha inmensa maioría de galegas e galegos piden con insistencia que o sosego, a cordura e a vocación de entendemento ocupen un crecente protagonismo na política autonómica”.
Santalices Vieira comezou a súa intervención agradecendo a súa reelección como presidente da Cámara, “a maior honra á que puiden aspirar xamais”, e sinalou que a exercerá con “altura de miras e imparcialidade”.
Nun momento no que a política e os políticos atravesan unha crise de credibilidade, desde o Parlamento “estamos obrigados a ofrecer o mellor de nós para superala e recuperar a confianza social”.
Recordou que con ese obxectivo, o Lexislativo galego deu xa pasos “importantes”, entre os que citou os esforzos de racionalización do s, que converteron este Parlamento nun dos máis eficientes do Estado e no máis eficiente das comunidades históricas. Apuntou tamén o feito de que o Parlamento de Galicia rematase a pasada Lexislatura como o “máis laborioso” de todos os autonómicos, “un feito que ha de servirnos de acicate para o mandato que comeza”.
Reforzar a presenza social do Parlamento
Convidou Santalices ás deputadas e deputados a actuar de anfitrións e guías para as persoas que visiten a Cámara, ao tempo que os animou a “reforzar a presenza social do Parlamento”. Porque, “canto maior sexa a presenza do Parlamento na Galicia real, mellor e de maior calidade será o labor que poidamos desenvolver de portas para dentro, nos nosos debates e iniciativas”.
Con todo, a xuízo do presidente do Parlamento, a clave do éxito do traballo de calquera deputada ou deputado reside nunha “atinada combinación de presenza extramuros coa súa capacidade para trasladar ás institucións –sexa en forma de debate ou iniciativa- o resultado desa interlocución”.
O avance en materia de transparencia pon de manifesto, en opinión de Santalices, unha vontade real de responder ás esixencias da sociedade e “tampouco aquí pode haber marcha atrás porque a transparencia institucional é un camiño sen retorno”.
Ao tempo, as novas oportunidades de participación cidadá na actividade parlamentaria fixeron do galego un Parlamento “pioneiro” que puxo a disposición da sociedade ferramentas que “complementan e enriquecen unha tarefa tradicionalmente reservada ás deputadas e deputados”. Agregou que “nada impide afondar nesa dirección, e memo noutras aínda por explorar, porque a vontade existe”.
Avanzou que, en colaboración con outras institucións da Comunidade, o Parlamento porá a disposición de todos os cidadáns, e na lingua propia, as normas galegas consolidadas. “Seremos, unha vez máis, pioneiros, cunha ferramenta novidosas respecto a outras comunidades bilingües”.
Logo de referirse ao momento determinante que atravesan tanto a política europea como a estatal, Santalices Vieira sinalou que, no ámbito autonómico, a Cámara galega está obrigada a aplicar e analizar as medidas de impulso democrático aprobadas na pasada lexislatura, sen perder de vista o afianzamento da recuperación económica iniciada e o impulso da cohesión territorial.
“Un traballo arduo, o que nos agarda –afirmou o presidente do Parlamento-, mais quen lles fala espera que poida desenvolverse desde unha óptica participativa e de proximidade, que aposte pola conciliación e non polo enfrontamento no que ás veces temos caído innecesariamente”.
Lexislar con rigor e imaxinación
Animou o presidente da Cámara aos integrantes do Hemiciclo a lexislar “con rigor e con imaxinación”, ao tempo que “agardo que a exemplaridade caracterice o comportamento das 75 persoas que temos a alta honra de representar o conxunto do pobo galego desde estes escaños”.
Para Santalices, “o Parlamento foi, é e será o centro da vida democrática; e a democracia só é viable na medida en que practiquemos a democracia parlamentaria. Falo dunha tarefa común que pode e debe discorrer sempre polas canles estatutarias e constitucionais”.
Recordou o titular do Lexislativo galego que a institución cumprirá 35 anos de vida no vindeiro mes de decembro e que, neste tempo, o autogoberno de Galicia “logrou asentarse, demostrando a súa razón de ser ata o punto de terse convertido nun piar insubstituíble para as galegas e galegos, que acreditan a súa eficacia real no día a día”.
Galeguismo difuso
Recordando a Ramón Piñeiro, que defendía a idea de impregnar de galeguismo difuso todo o arco parlamentario, Santalices animou aos actuais integrantes da Cámara a “non desmaiar na nobre tarefa de inzar de galeguismo todo canto fagamos como membros desta Cámara, e mesmo fóra dela”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.