saltar ao contido

Diego Calvo anima á mocidade a tomar exemplo de figuras como Cruz Gallástegui por “facer ciencia aplicada, da que aínda hoxe nos seguimos a beneficiar”

 O Parlamento de Galicia acolleu hoxe a conmemoración do Día da Ciencia en Galego, no que se homenaxeou ao fundador da Misión Biolóxica de Galicia, que tivo a súa primeira sede no Pazo do Hórreo
 
• O idioma galego “non só constitúe o noso principal sinal de identidade como pobo, senón que é unha lingua útil, que podemos e debemos utilizar en todos os ámbitos da nosa vida, tamén na ciencia”, apunta o vicepresidente da Cámara
 
Santiago, 4 de novembro de 2016.- O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía o acto central do Día da Ciencia en Galego, que nesta edición homenaxea a Cruz Gallástegui Unamuno, fundador da Misión Biolóxica de Galicia, que tivo a súa primeira sede, compartida coa Escola de Veterinaria, no Pazo do Hórreo –actual sede do Lexislativo autonómico- entre os anos 1921 e 1927 e onde naceu o primeiro millo híbrido de Europa, froito das súas investigacións.
 
Na intervención inaugural da xornada, o  vicepresidente primeiro da Cámara galega, Diego Calvo Pouso, amosou a súa satisfacción por acoller a celebración do Día da Ciencia en Galego na sede do Lexislativo, tanto polo que este acto significa a prol da dignificación e posta en valor do idioma galego, como pola relación de Cruz Gallástegui co Pazo do Hórreo.
 
O idioma galego “non só constitúe o noso principal sinal de identidade como pobo, senón que é unha lingua útil, que podemos e debemos utilizar en todos os ámbitos da vida, tamén na ciencia”, afirmou Calvo Pouso.
 
Referíndose ao homenaxeado nesta celebración, o vicepresidente do Parlamento sinalou que Galicia está en débeda con Cruz Gallástegui e que xornadas como a de hoxe “constitúen o primeiro chanzo para comezar a saldala, dando a coñecer a figura e obra dun galego bo e xeneroso. Galego de acción e de pensamento, malia ter nacido noutras latitudes”.
 
“Sen ciencia non hai futuro”
 
Nun acto que contou coa asistencia de profesorado e alumnado do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Diego Calvo animou ás mozas e mozos presentes a seguiren a xornada con interese e “tomaren exemplo de figuras como Cruz Gallástegui, que nunha etapa de infinitas dificultades- moi superiores ás actuais, por descontado-, a base de estudo, audacia e esforzo persoal, foron quen de facer ciencia aplicada, da que aínda hoxe nos seguimos a beneficiar. Porque sen ciencia non hai futuro”.
 
Despois da intervención inicial a cargo do vicepresidente do Parlamento, o acto contou coas disertacións de Inés Ben González, presidenta de IGACIENCIA; Ubaldo Rueda Soto, director do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela; Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático emérito da USC e estudoso da vida e obra de Cruz Gallástegui; e Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en funcións.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina