saltar ao contido

A Mesa do Parlamento de Galicia adopta os acordos relacionados coa disolución da Cámara

 
• Os deputados que perdan esa condición non percibirán compensación económica alguna e deberán devolver á Cámara os ordenadores portátiles e teléfonos móviles

Santiago, 2 de agosto de 2016.- A Mesa do Parlamento de Galicia adoptou, na súa reunión de hoxe, por unanimidade, os acordos derivados da disolución da Cámara e convocatoria de Eleccións formalizados no correspondente decreto da Presidencia da Xunta.
 
Así, entre outras medidas, o órgano de goberno do Parlamento acordou declarar caducados todos os acordos pendentes de exame e resolución pola Cámara, agás os seguintes:
 
a) Aqueles que, estatutariamente e regulamentariamente, lles corresponde coñecer á Deputación Permanente.
 
b) As peticións individuais ou colectivas que os cidadáns teñan presentado ante o Parlamento.
 
c) Os informes dos órganos pendentes de tramitación e singularmente a Memoria do consello de contas de  2015 e os informes sobre o exercicio de 2014.
 
d) O proxecto de regulamento do Consello de Contas.
 
e) As proposicións de lei de iniciativa lexislativa popular que se atopan pendentes:
 
— Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular sobre o Hospital de Pontevedra.
 
f) Os procedementos de control do principio de subsidiariedade nos proxectos lexislativos da Unión Europea.
Desde a entrada en vigor do decreto de disolución do Parlamento, os deputados titulares e suplentes da Deputación Permanente prorrogan as súas funcións ata a constitución do novo Parlamento.
 
Os restantes deputados e deputadas perden esa condición e, ao igual que na pasada lexislatura, o Parlamento de Galicia non aboará indemnización compensatoria por disolución da
Cámara.
 
Tamén deberán entregar ao Parlamento os ordenadores portátiles, teléfonos móbiles e impresoras que lles foron cedidos para o desempeño das súas funcións.
 
Deste xeito, e mentres que en pasadas lexislaturas os deputados e deputadas podrían adquirir, aboando o valor residual, os ordenadores portátiles que lles cedera a Cámara, neste caso deberán devolvelos ao Parlamento de Galicia.
 
Os deputados e deputadas que non forman parte da Deputación Permanente poderán, voluntariamente, seguir acollidos á Seguridade Social durante un mes, pero sen retribución económica.
 
O artigo 55 do Regulamento do Parlamento de Galicia sinala que “A Deputación Permanente velará polos poderes da Cámara cando estea expirado o mandato parlamentario, cando o Parlamento estea disolto ou non estea reunido por vacacións ou por calquera causa de forza maior que impida reunir o Pleno”.

Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina