Rojo Noguera continúa a rolda de reunións con diferentes entidades no marco da política de portas abertas da institución que preside e tamén para propiciar a interlocución
Santiago, 2 de novembro de 2010- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, reuniuse este mediodía cos reitores e os presidentes dos consellos sociais das tres universidades galegas, nun encontro ao que tamén se sumaron membros da Mesa da Cámara e os portavoces dos tres grupos parlamentarios.
Esta xuntanza enmárcase na rolda de encontros que Pilar Rojo está a organizar na sede do lexislativo autonómico no marco da política de portas abertas que desenvolve para incrementar a proxección social da institución, pero tamén para propiciar a interlocución entre os diferentes colectivos e institucións e a Cámara lexislativa.
Asistentes
No encontro de hoxe participaron o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, e o presidente do seu Consello Social, Manuel Puga Pereira; o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja Pérez, e o presidente do Consello social desta, Antonio Abril; así como o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia, e o presidente do Consello Social, Emilio Atrio.
Tomaron parte, ademais, o vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, José Manuel Baltar Blanco, e o vicesecretario, Anxo Quintana. Tamén asistiron os portavoces dos grupos parlamentarios do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas; do PSdeG-PSOE, Xaquín Fernández Leiceaga; e do BNG, Carlos Aymerich Cano.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.