saltar ao contido

A Mesa do Parlamento de Galicia admite a trámite a primeira proposición non de lei de iniciativa cidadá

 
• Trátase da proposición non de lei de iniciativa popular sobre redución do tipo impositivo do IVE dos cueiros
 
• O Parlamento de Galicia é a única cámara lexislativa española que permite que os cidadáns presenten iniciativas de impulso da acción de Goberno

Santiago, 14 de xuño de 2016.- A Mesa do Parlamento de Galicia admitiu a trámite, na súa sesión de hoxe, a primeira proposición non de lei de iniciativa cidadá, logo da entrada en vigor da Lei 7/2015, do 7 de agosto, de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia.
 
Trátase da proposición non de lei de iniciativa popular sobre redución do tipo impositivo do IVE dos cueiros. Unha vez publicado o acordo de admisión a trámite no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia de hoxe (http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/BibliotecaBoletinsOficiais/B90658.pdf), os grupos parlamentarios poderán asumir esta iniciativa cidadá como propia para convertila en proposición non de lei en pleno ou en comisión.
 
A Lei 7/2015, do 7 de agosto, de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia prevé, entre outras medidas novidosas, a participación popular no impulso da acción de Goberno a través de proposicións non de lei.
 
Coa entrada en vigor desta norma, o Parlamento de Galicia converteuse na única cámara lexislativa española que contempla a posibilidade de que os cidadáns promovan iniciativas deste tipo.

Procedemento de tramitación
 
A devandita lei sinala que calquera cidadán ou cidadá coa súa sinatura e a doutros nove, ou calquera persoa xurídica que represente intereses sociais e actúe lexitimamente a través dos seus órganos, poderá promover a presentación de proposicións non de lei ao Parlamento de Galicia.

O número requirido de sinaturas de persoas lexitimadas para subscribir unha proposición non de lei de iniciativa popular é de 2.500. A Mesa da Cámara pronunciarase sobre a admisibilidade de cada unha destas iniciativas presentadas.
 
De seren admitidas, estas proposicións non de lei poderán ser asumidas por calquera grupo parlamentario para convertelas en proposición non de lei en pleno ou en comisión. Ao formulalas, deberá mencionarse sempre a súa orixe, aínda que preservando a identidade das persoas asinantes. As proposicións non de lei admitidas pola Mesa e non asumidas por ningún grupo parlamentario decaerán transcorridos quince días tras o seu anuncio no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.
 
Tamén no marco da lei de participación cidadá, a pasada semana, a Mesa da Cámara admitiu a trámite as catro primeiras preguntas de inciativa cidadá.
 
 
 
 
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina