saltar ao contido

Participantes no Servizo Voluntario Europeo visitan o Parlamento de Galicia coincidindo co Día de Europa

- Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa Erasmus+: Xuventude en Acción, da Comisión Europea

Santiago, 9 de maio de 2016.- Un grupo de 10 participantes no Servizo Voluntario Europeo de 9 nacionalidades diferentes e que están a desenvolver a súa actividade en Galicia, foron recibidos este mediodía polo presidente da Cámara lexislativa Autonómica, Miguel Ángel Santalices Vieira, coincidindo coa celebración do Día de Europa.
 
O Servizo Voluntario Europeo é unha acción incluída no programa europeo Erasmus+: Xuventude en Acción da Unión Europea, dentro da liña estratéxica de mobilidade dos mozos e mozas. Ten como obxectivo principal promover a participación cidadá, desenvolver a solidariedade entre os máis novos, promover a relación con culturas diferentes e facilitar a aprendizaxe ou perfeccionamento doutros idiomas.
 
Entre 17 e 30 anos
 
Esta iniciativa europea ofrece á xuventude, con idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos, a oportunidade de contribuír ao traballo diario das organizacións que traballan no ámbito xuvenil , o desenvolvemento persoal e socioeducativo, a implicación civil, asistencia social, a inclusión dos desfavorecidos, o medio ambiente e os programas de educación non formal, entre outros.
 
Poden participar nos proxectos de Servizo Voluntario Europeo entidades sen ánimo de lucro; os organismos públicos de ámbito local, rexional e nacional; e as empresas con responsabilidade social cooperativa.
 
Na actualidade, en Galicia teñen a acreditación para participar en proxectos de Servizo Voluntario Europeo 16 concellos e 47 entidades sen ánimo de lucro.
 
Os mozos e mozas participan nesta liña de acción normalmente de maneira individual. Sen embargo, o programa recolle a posibilidade da realización dun Servizo Voluntario Europeo de grupo no que estean implicados polo menos dez voluntarios; e tamén a participación de voluntarios en eventos a gran escala europea con mínimo de 30 voluntarios.
 
O período de duración do Servizo Voluntario Europeo pode ser entre 2 e 12 meses. Non obstante, o programa prevé unha duración entre 2 semanas e 12 meses no caso de mozos e mozas con menos oportunidades (dificultades xeográficas, educativas, sociais, familiares,..) e con necesidades especiais, é dicir, con algún grao de discapacidade.
 
Máis de 100.000 participantes
 
Creado no 1996 pola Comisión Europea como programa piloto, o Servizo Voluntario Europeo permitiu a máis de 100.000 mozos e mozas realizar o seu proxecto de voluntariado, tanto en Europa como fora dela.
 
A organización e acollida dos voluntarios europeos que hoxe visitaron o Parlamento corre a cargo do Concello de Boqueixón, a Escola de Tempo Libre Don Bosco e COGAMI. Da intermediación para a organización desta actividades encárgase a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
Antes de ser recibidos polo presidente do Parlamento, os participantes nesta iniciativa efectuaron unha visita guiada á sede do Lexislativo galego.
 
A delegación de voluntarios europeos estivo acompañada pola directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez; e a subdirectora xeral de Programas para a Xuventude, Yolanda Otero.
 
No ano 2015 foron aprobados en Galicia un total de 19 proxectos de Servizo Voluntario Europeo, que sumen un orzamento superior aos 350.000 euros e 66 mozos e mozas participantes.  Ese mesmo ano, no marco do programa Erasmus+: Xuventude en Acción foron incluídos 38 proxectos nos que participaron 1.263 mozos e mozas, cun orzamento total de 923.331 euros.
 
Na primeira quenda do 2016, aprobáronse no marco de Erasmus +: Xuventude en Acción 16 proxectos cun orzamento que ascende aos  228.891 euros. Destes, 9 proxectos, cun  orzamento total de 101.505,15 €, corresponden ao Servizo Voluntario Europeo e están pendentes de execución na actualidade.

Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina