• O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliña que “Galicia mudou moito, e para mellor, nestes case trinta anos” e anima a “ollar o futuro con esperanza
Santiago, 2 de maio de 2016.- O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía a presentación do libro “Os discursos parlamentarios de Fernando González Laxe. Segunda lexislatura (1987-1990)”, o segundo volume da colección editada polo Parlamento e dedicada aos presidentes de Galicia.
No acto, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, ao referirse ao tempo transcorrido desde o mandato no que se centra este libro, considerou que “o balanzo xeral resulta claramente satisfactorio”. Ao seu xuízo, “Galicia mudou moito, e para mellor, nestes case trinta anos transcorridos desde a chegada de Fernando González Laxe á Presidencia da Xunta”, polo que “a realidade demóstranos, unha vez máis, que se pode e se debe ollar o futuro con esperanza”.
Recordou Santalices que a colección na que se enmarca o volume presentado hoxe se iniciou co dedicado á Presidencia de Fernández Albor e que terá continuidade coa próxima edición dos discursos parlamentarios de Manuel Fraga.
Vocación divulgativa
Trátase, segundo o presidente do Parlamento, dunha colección “con vocación divulgativa”, pensada para poñer en valor “os feitos e o papel das personalidades que contribuíron a forxar a nosa Autonomía, ao longo destas tres décadas e media de vida”.
O presidente do Parlamento apuntou que González Laxe dirixiu o Executivo galego “nun momento histórico, crucial para os intereses de Galicia”, no que España acababa de ingresar na entón denominada Comunidade Económica Europea, ao tempo que Galicia estaba a inmersa no proceso de desenvolvemento do seu autogoberno.
Debate sobre o Estado da Autonomía
Referíndose ao ámbito parlamentario, Santalices Veira recordou que o presidente González Laxe estreou o Hemiciclo do Pazo do Hórreo coa celebración do primeiro Debate sobre o Estado da Autonomía, convertido desde entón nunha cita periódica que en datas recentes “se blindou dobremente” a través da reforma do Regulamento e da lei de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.
Seguindo no ámbito parlamentario, o titular da Cámara destacou dúas leis aprobadas durante a Presidencia de González Laxe: a Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde; e a Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia.
“Se ben é certo que tanto a transferencia das competencias do vello INSALUD -estes días celebramos os 25 anos do SERGAS- como o desenvolvemento e implantación do novo modelo universitario descentralizado –coas actuais tres universidades e sete campus- foron obra do Goberno posterior, é de xustiza recoñecer esta iniciativa lexislativa a quen, por certo, ten na universidade, agora como catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, a súa segunda casa”, afirmou o presidente do Parlamento de Galicia.
O acto de presentación do libro foi clausurado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Previamente tamén interviñeron o expresidente Fernando González Laxe, así como o xornalista José Luis Gómez, autor do prólogo por proposta do protagonista do volume.
Ao igual que os restantes volumes editados pola Cámara, “Os discursos parlamentarios de Fernando González Laxe. Segunda lexislatura (1987-1990)” publicarase tamén, en formato de libro electrónico, na web do Parlamento.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.