saltar ao contido

O Parlamento de Galicia elixe os tres senadores representantes da Comunidade Autónoma

· O Pleno da Cámara elixiu a Juan Manuel Jiménez Morán, Modesto Pose Mesura e Fernando Carlos Rodríguez Pérez.
 
Santiago, 23 de decembro de 2015.- O Pleno do Parlamento de Galicia elixiu esta mañá os tres senadores representantes da Comunidade Autónoma para a XI Lexistatura das  Cortes Xerais. Foron elixidos Juan Manuel Jiménez Morán e Fernando Carlos Rodríguez Pérez, propostos polo Grupo Popular; e Modesto Pose Mesura, por proposta do Grupo dos Socialistas de Galicia.
 
Juan Manuel Jiménez Morán
 
Natural de Verín (Ourense), Juan Manuel Jiménez Morán é axudante técnico sanitario e diplomado universitario en Enfermería. É concelleiro en Verín dende o ano 1983 e alcalde deste concello ourensán en dúas etapas: dende 1995 ata abril de 2004 e dende xuño de 2007 ata 2015. Tamén foi senador en representación da Comunidade galega dende 2011 ata a actualidade.
 
Jiménez Morán é membro do Comité Executivo do Partido Popular de Galicia. Formou parte do Consello de Administración da Compañía de Radio Televisión de Galicia dende xullo de 1994 ata 2011.
 
Fernando Carlos Rodríguez
 
Pola súa banda, Fernando Carlos Rodríguez Pérez é natural de Bóveda (Lugo). Farmacéutico de profesión, foi concelleiro en Bóveda de 1979 a 1999; alcalde deste concello de 1984 a 1985; concelleiro en Sarria de 1999 a 2003; deputado provincial na Deputación de Lugo entre 1979 e 1991; deputado no Parlamento de Galicia de 1985 a 1999; e senador electo por Lugo de 2000 a 2008.
 
Rodríguez Pérez é na actualidade membro do Comité Executivo do Partido Popular de Galicia e presidente do Comité Electoral do PPdeG. Foi presidente e fundador da Asociación Grupo Local de Desenvolvemento Rural Río Lor dende 1991 a 1995, encargada de levar adiante o Plan Caurel.
 
Modesto Pose Mesura
 
Modesto Pose Mesura naceu en Barizo (Malpica, A Coruña) o  29 de decembro de 1955. Vive en Vilagarcía de Arousa. É licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Inspector médico do SERGAS. Deputado no Parlamento de Galicia dende o ano 2001 ata o ano 2012. Foi concelleiro, secretario comarcal de Arousa e secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE de Pontevedra.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina