saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia en defensa do ceo nocturno


O Parlamento de Galicia asume na súa integridade a Declaración sobre a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrelas (Declaración de La Palma, 2007), e de maneira explícita recolle algunhas das súas ideas fundamentais:
 
1. O dereito a un ceo nocturno non contaminado que permita gozar da contemplación do firmamento debe considerarse un dereito inalienable da Humanidade, equiparable ao resto dos dereitos ambientais, sociais e culturais.
 
2. A difusión da astronomía e dos valores científicos e culturais asociados deberán considerarse contidos básicos a tratar na actividade educativa.
 
3. É imprescindible o control da contaminación luminosa en todo o territorio galego dado o impacto que xera sobre moitas especies, hábitats, ecosistemas e paisaxes. Deberá promoverse e exixirse o uso racional da iluminación artificial para minimizar o resplandor que provoca no ceo e evitar a nociva intrusión de luz sobre os seres humanos e o medio natural.
 
4. Os lugares que presenten condicións excepcionais para a contemplación do ceo, e en particular aqueles máis aptos para a observación con fins científicos, serán obxecto dunha protección especial.
 
5. Deberá fomentarse o turismo responsable e sustentable que faga da paisaxe nocturna un recurso que debemos protexer e poñer en valor.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2015


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina