saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 29 de abril de 2015

 
4.3 34774 (09/PNP-002553)
 Grupo Parlamentario Popular de Galicia
 Fariñas Sobrino, Hipólito, e 7 máis
 Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para posibilitar, desde o respecto á autonomía dos centros educativos, a progresiva implantación do xadrez con carácter transversal e específico nos currículos de educación primaria e ESO
 Publicación da iniciativa, BOPG n.º 432, do 18.03.2015
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que adopte as medidas necesarias a prol de afondar na presenza do xadrez nas escolas mediante o fomento de proxectos de innovación educativa, o impulso da formación do profesorado e o desenvolvemento de recursos e metodoloxías que  permitan, desde o respecto á autonomía dos centros educativos, a progresiva implantación desta disciplina con carácter transversal ou específico nos currículos de primaria e educación secundaria obrigatoria en atención aos proxectos educativos dos centros, e que este proxecto sexa levado a cabo en colaboración coas federacións de xadrez e outras asociacións representativas.»
 
4.6 35864 (09/PNP-002620)
 Grupo Parlamentario Popular de Galicia
 Sobre a posición do Parlamento de Galicia en relación co contido da Resolución do Parlamento Europeo, do 12 de marzo de 2015, referida á situación de Venezuela e o respecto dos dereitos humanos nese país
 Publicación da iniciativa, BOPG n.º 444, do 08.04.2015
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia acorda asumir como propio o contido da Resolución do Parlamento Europeo, do 12 de marzo de 2015, sobre a situación en Venezuela (2015/2582 (RSP)), amosar a súa solidariedade co pobo venezolano neste difícil período e en particular coa comunidade galega alí residente, e solicitar do Goberno de Venezuela que cumpra o disposto na súa Constitución e coas súas obrigas internacionais no atinxente ao respecto aos dereitos de liberdade de expresión, asociación, reunión pacífica e pluralismo político como principios fundamentais dun sistema democrático.»
 
4.8 36023 (09/PNP-002634)
 Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
 Pontón Mondelo, Ana Belén, e Jorquera Caselas, Francisco Xesús
 Sobre a declaración pola Xunta de Galicia do ano 2016 como Ano das Irmandades da Fala e o establecemento dun programa de actividades para divulgar o seu labor
 Publicación da iniciativa, BOPG n.º 448, do 15.04.2015
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que o vindeiro 2016 sexa declarado oficialmente Ano das Irmandades da Fala, estabeleza un programa de actividades conducentes a divulgar en toda a sociedade galega o coñecemento do encomiable labor desta organización, animada polo propósito de traballar pola consecución dunha Galicia máis culta, libre, xusta e comprometida consigo mesma, e dote dos fondos necesarios os organismos encargados de levar a cabo ese programa.»

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina