saltar ao contido

A Cámara galega acolle a final do certame Parlamento Xove 2015

 
 A vicepresidenta segunda e o secretario da Cámara participan na clausura e na entrega de premios aos gañadores
 
• O equipo do IES de Becerreá, na categoría de Bacharelato, e o do colexio La Salle, na modalidade de ESO, resultaron gañadores de Parlamento Xove 2015

Santiago, 18 de abril de 2015.- A sede do lexislativo galego acolleu este sábado a final do certame Parlamento Xove 2015, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar, coa colaboración da Cámara galega. No acto de clausura participaron, en representación da institución, a vicepresidenta segunda do Parlamento de Galicia, María Soledad Soneira, e mailo secretario da Mesa da Cámara, José Manuel Balseiro. Participou tamén o  director xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta, Ovidio Rodeiro.
 
Durante o acto, a vicepresidenta segunda da Cámara saudou ao alumnado e profesorado asistentes, aos que deu a benvida ao Parlamento de Galicia, ademais de convidalos a participar no programa de visitas guiadas da institución.
 
Soneira Tajes trasladou, en nome propio e no da institución, os seus parabéns á organización e aos participantes no programa Parlamento Xove 2015. Ao seu xuízo, esta iniciativa favorece o intercambio de experiencias entre o alumnado de centros de diferente procedencia xeográfica; anima o desenvolvemento de técnicas de comunicación verbal e de habilidades sociais; estimula a competencia intelectual entre os participantes; e fomenta unha variante de ocio diferente ao habitual.

Dous asuntos a debate
 
A actual edición de Parlamento Xove plantexaba dous temas de debate aos participantes. Así, o alumnado de ESO debateu sobre “Cine: desaparecerán as salas de cine como forma de ocio?”, mentres que o de Bacharelato debateu sobre “Foméntase dende os fogares a falta de respecto ao profesorado na escola?”.
 
Gañadores
 
O equipo do IES de Becerreá, na categoría de Bacharelato, e o do colexio La Salle, na modalidade de ESO, resultaron gañadores de Parlamento Xove 2015. Á final deste concurso, no que participaron 43 equipos de 37 centros educativos de toda Galicia, cun total de 215 alumnos e alumnas,  chegaron 16 equipos de 14 centros. 
 
Os equipos gañadores recibiron como premio unha viaxe valorada en 5.000 euros, na categoría de Bacharelato, e 3.000 euros no caso da categoría de ESO. Os finalistas foron os equipos do colexio La Salle en Bacharelato e do IES Pontepedriña en ESO. Recibiron como premio un ebook para cada un dos membros dos equipos.
 
Os participantes na final foron na categoría de ESO con dous equipos o IES Antonio Fraguas de Santiago, e cun equipo o IES Pontepedriña de Santiago, o IES Rosalía de Castro de Santiago, o Colexio La Salle (Santiago), o IES Eduardo Pondal, tamén de Santiago, o CPR Filipense Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa e o IES Monte Castelo de Lugo.
 
Na categoría de Bacharelato participaron con dous equipos o IES de Becerreá; e cun equipo o IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa, o IES Eduardo Pondal de Santiago, o IES de Foz, o Centro Galén de Lugo, o Colexio La Salle de Santiago e o IES de Rodeira de Cangas.
 
Pola súa banda, os alumnos e alumnas do equipo gañador ao mellor dossier de investigación, do IES Eduardo Pondal, recibiron como premio un diploma e un disco duro. O tema deste dossier foi o da fase preliminar: ‘Debería adiantarse a maioría de idade legal aos 16 anos?’. E os oito mellores oradores – catro en cada categoría- recibiron como premio un diploma e un ipod.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina