saltar ao contido

Pilar Rojo agradece a acollida dispensada á colectividade galega na Arxentina, país que viu a emigración como unha "oportunidade"

• Foi distinguida como "Hóspede de Honra" do Parlamento da Cidade Autónoma de Buenos Aires
• "Os valores democráticos residenciados na institución lexislativa superan e deberán superar sempre as lexítimas diferenzas ideolóxicas"
• Defende o papel central dos parlamentos como templos da palabra nos que lograr o "entendemento co adversario político, ao que xamais deberemos ver como inimigo"
• Rematou a visita a Buenos Aires reuníndose con representantes da Unión de Sociedades Galegas na República Arxentina
 
Buenos Aires, 7 de abril de 2015.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, agradeceu hoxe, "no nome de todos os galegos que chegaron a esta terra" a acollida dispensada na Arxentina á colectividade galega.
"Todos foron aceptados nesta patria irmá na que se lles brindou a oportunidade de botar raíces e formar unha familia", afirmou Rojo Noguera antes de expresar as súas "grazas aos homes e mulleres desta nación irmá, que souberon ver a emigración como unha oportunidade e non como unha ameaza".
 
Pilar Rojo así o manifestou esta tarde (noite en Galicia) ao ser distinguida como de "Hóspede de Honra" do Parlamento da Cidade Autónoma de Buenos Aires.
 
Nese acto quixo render homenaxe a "todos" os galegos que nalgún momento emigraron á Arxentina: "aos que gañaron o respecto e a admiración dos seus semellantes e aos que cos seus aforros axudaron ás familias que quedaban en Galicia; aos que accederon a postos de responsabilidade na empresa e nas institucións, e aos que se converteron en referentes intelectuais; e homenaxe tamén aos que viviron aquí o exilio, porque é de xustiza ter un recordo emocionado para eles", sinalou a presidenta do Parlamento de Galicia.
 
Tal e como fixera onte na inauguración do XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos e ao abrir ao público a mostra 53 páxinas das nosas letras, Pilar Rojo volveu enfatizar o labor dos intelectuais, artistas e escritores galegos que, durante anos, fixeron de Buenos Aires a capital cultural de Galicia, ata o punto de que unha porcentaxe significativa dos libros galegos editados ata comezos da segunda metade do século XX saíron do prelo na capital arxentina.
 
Defensa do parlamentarismo democrático
 
Como vicepresidenta da CALRE (Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas), da que forman parte 74 parlamentos rexionais que representan a case 200 millóns de europeos de 8 países diferentes, Rojo reivindicou a "plena vixencia" do parlamentarismo democrático.
 
Na súa opinión, "os valores democráticos residenciados na institución lexislativa superan e deberán superar sempre as lexítimas diferenzas ideolóxicas".
 
Adversarios, non inimigos
 
A presidenta do Parlamento de Galicia agregou que as Cámaras lexislativas "constitúen o templo da palabra e a través das palabras, da discusión civilizada, articúlase a concordia, o acordo, o entendemento co adversario político, ao que xamais deberemos ver como inimigo".
 
A titular do Lexislativo galego iniciou a xornada de hoxe visitando o Colexio Santiago Apóstolo, o Centro Galicia de Buenos Aires e a Delegación da Xunta de Galicia na capital arxentina.
 
Pilar Rojo rematou a visita a Buenos Aires reuníndose con representantes da Unión de Sociedades Galegas na República Arxentina, aos que agradeceu o traballo que desenvolven para "manter vivo o sentimento de Galicia" e aos que tamén animou a traballar desde a unión e a cooperación entre as diferentes entidades.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina