saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolle unha xornada de concienciación sobre a enfermidade renal

• Coa colaboración da Fundación Renal Íñigo Álvarez de Toledo, na véspera do Día Mundial do Ril
 
• Os presidentes da Xunta e do Parlamento e a conselleira de Sanidade visitaron o dispositivo sanitario habilitado na Cámara para valorar o risco renal de deputados, xornalistas acreditados e persoal da institución

Santiago, 11 de marzo de 2015.- O Parlamento de Galicia acolleu hoxe, na véspera do Día Mundial do Ril, unha xornada de concienciación sobre a enfermidade renal, un conxunto de doenzas que afecta xa ao 10 % da poboación adulta mundial.
 
A actividade, organizada coa colaboración da Fundación Renal Íñigo Álvarez de Toledo, permitiu que deputados, xornalistas acreditados e persoal da Cámara puideran someterse a unhas probas de detección precoz do dano renal. Nefrólogos e persoal de enfermería transmitiron aos participantes recomendacións de saúde acaídas a cada situación.
 
Visita
 
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitaron o dispositivo instalado na sala de recepción de visitantes da Cámara durante a mañá deste mércores.
 
Pilar Rojo recorda a receptividade do Parlamento de Galicia respecto a calquera actividade que poda redundar en beneficio da sociedade, e máis cando se trata, como no caso de hoxe, de iniciativas que podan chamar a atención sobre a necesidade de coidar a saúde.
 
O Parlamento de Galicia acolle, con frecuencia, iniciativas semellantes á xornada de concienciación sobre a enfermidade renal celebrada hoxe.
 
Con anteriodade, a Cámara galega ten sido escenario de actividades de sensibilización sobre a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), o melanoma, o glaucoma, a doazón de órganos e tecidos, ou de saúde cardiovascular, ademais das iniciativas que periodicamente se desenvolven para animar á doazón de sangue.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina