saltar ao contido

Pilar Rojo participa na reunión anual de presidentes de Parlamentos Autonómicos organizada pola Asemblea de Madrid

 
 
• Entre outros asuntos, abordan a adaptación á Lei de transparencia e o funcionamento da Rede Parlamenta para o intercambio de información e documentación parlamentaria entre as distintas cámaras
 
Santiago, 30 de xaneiro de 2015.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, participa desde esta mañá na reunión anual da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos  (COPREPA), organizada nesta ocasión pola Asemblea de Madrid.
 
Os presidentes das cámaras autonómicas foron recibidos polo presidente da  Comunidade de Madrid, Ignacio González; pola tenente de alcalde de Madrid, Concepción Dancausa; e polo presidente do Senado, Pío García Escudero.
 
Reunión de traballo
 
Foi no Senado onde tivo lugar a primera reunión de traballo, que continuará mañá na sede da Asemblea de Madrid e concluirá coa aprobación dunha declaración institucional, que será feita pública este sábado a mediodía.
 
Entre outros asuntos, os participantes na reunión anual da COPREPA abordan as medidas que se dispoñen a adoptar as diferentes cámaras autonómicas para adaptarse e dar cumprimento á Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, así como o funcionamento da Rede Parlamenta para o intercambio de información e documentación parlamentaria.
 
Na xornada de mañá tamén está prevista a intervención de Pilar Rojo que, como vicepresidenta da CALRE, explicará o programa de traballo da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas  para o exercicio de 2015, no que a Presidencia corresponde ao presidente do Consello Rexional de Lombardía, Raffaele Cattaneo.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina