saltar ao contido

Pilar Rojo afirma que a CALRE “representa a Europa do futuro, referente de liberdades no mundo” fronte á ameaza dos que se aproveitan da desafección desprezando a democracia


• A presidenta do Parlamento de Galicia, o alcalde de Santiago, o presidente do Comité das Rexións e o presidente da Xunta inauguraron a Asemblea Xeral da CALRE
 
Santiago, 7 de novembro de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, afirmou hoxe que “a CALRE representa a Europa do futuro, a Europa chamada a manter a súa condición de referente político e das liberdades no mundo, a Europa pola que paga a pena traballar arreo”.
Rojo Noguera, presidenta da CALRE, contrapuxo estes ideais, representados polos diferentes parlamentos rexionais europeos, coas “ameazas poderosas que se aproveitan da desafección cara os organismos comunitarios e se presentan baixo formas extremas, personalistas, egoístas e populistas, que incluso chegan a amosar desprezo polas regras de xogo que todos asumimos en democracia”.
 
Rojo Noguera efectuou estas afirmacións na sesión inaugural da XVIII Asemblea Xeral da Conferencia de Asembleas Rexionais Europas que se celebra no Parlamento de Galicia. O acto inaugural contou tamén coa participación do alcalde de Santiago, Agustín Hernández; o presidente do Comité das Rexións, Michel Lebrun; e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
 
Tamén participaron no acto inaugural os representantes das organizacións e asociacións internacionais que asisten como convidados -e entre as que se atopan representantes de Estados Unidos, Canadá, Xapón, do Consello de Europa e das rexións fronteirizas de Europa- e que tomaron a palabra para presentar ás entidades das que forman parte.
 
Confianza no futuro
 
Fronte ao ánimo negativo que habita na sociedade, Pilar Rojo resaltou que “tamén hai confianza”. “Porque –dixo- onde aniña a desilusión cohabita e resiste o profundo sentimento que arraigou hai moitos anos en Europa e que no medio de tantas dúbidas fai que sigamos adiante”.
 
Apuntou que desde a CALRE –cuia Presidencia exerce en 2014- “temos avanzado moito”, tanto en materia de relacións coas institucións comunitarias, como no feito de ter convertido aos parlamentos rexionais en “parte fundamental na aplicación do principio de subsidiariedade que garante o mellor desenvolvemento das políticas europeas no ámbito máis próximo ao cidadán”.
 
Recordou tamén Pilar Rojo a caída do Muro de Berlín, que se conmemora o próximo domingo, e que “abriu unha nova etapa na Unión Europea”, e que vinculou co “empeño conxunto de mellorar as cousas e que nos leva a camiñar xuntos cara adiante”.
 
Programa
 
Logo da primeira reunión da Asemblea da CALRE, este mediodía está prevista unha conferencia do director xeral da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), Giovanni Kessler, que falará sobre “Transparencia e prevención da corrupción: medidas para loitar contra a corrupción a nivel europeo, nacional e rexional”.
 
A Asemblea Xeral continuará durante o sábado pola mañá. A clausura contará tamén coa intervención do presidente do Comité das Rexións, Michel Lebrun, dado que a CALRE afianzou neste último ano as relacións co CdR, un dos dous órganos consultivos da Unión Europea, xunto co Comité Económico e Social.  Nese acto, Pilar Rojo fará pública a denominada Declaración de Galicia 2014, aprobada previamente pola Asemblea Plenaria da CALRE.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina