• Pilar Rojo presidiu esta tarde a reunión do Comité Permanente da CALRE, coa asistencia de representantes de 11 parlamentos rexionais
• Explica na reunión que, como presidenta da CALRE, procura unha maior dimensión europea para os parlamentos rexionais
Santiago, 6 de novembro de 2014.- O Parlamento de Galicia acolle, desde esta tarde, as actividades programadas co gallo da celebración da XVIII Asemblea Plenaria da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europea, nas que participan 38 delegacións.
A titular do Parlamento de Galicia e da CALRE, Pilar Rojo, presidiu esta tarde a primeira das reunións previstas, unha xuntanza do Comité Permanente da organización que contou coa asistencia de presidentes e representantes de 11 cámaras lexislativas rexionais: Azores, Venecia, Gales, Parlamento Flamenco, Lombardía, Andalucía, Sicilia, Galicia, Åland, Bruxelas Capital (vicepresidente) e Bavaria (vicepresidente).
O Comité Permanente, órgano executivo de composición reducida, está integrado pola Presidencia e a Vicepresidencia da CALRE, un representante de cada país e os coordinadores dos grupos de traballo.
En declaracións aos medios ao comezo da reunión, Rojo Noguera explicou que a orde do día desta reunión preparatoria inclúe a avaliación do borrador da Declaración Institucional que elaborará a Asemblea Xeral, a análise de posibles modificacións do regulamento da CALRE e propostas respecto aos catro grupos de traballo constituídos na actualidade (Subsidiariedade, Política de cohesión, E-Democracia e inmigración).
O Comité Permanente tomará coñecemento da candidatura de Raffaele Cattaneo, presidente do Consello Rexional de Lombardía (Italia), que aspira a ser elixido presidente da CALRE 2015, ademais de escoitar un primeiro balanzo da actividade desenvolvida por Pilar Rojo como presidenta da CALRE neste exercicio.
A titular do Parlamento de Galicia e da CALRE explicou na reunión que os seus esforzos estiveron encamiñados a procurar unha maior dimensión europea para os parlamentos rexionais. Puxo como exemplo a incorporación da CALRE ao “diálogo estruturado anual” que reúne á Comisión Europea, o Comité das Rexións e as autoridades rexionais e locais nunha iniciativa encamiñada a fortalecer as relacións entre a UE e os ámbitos locais e rexionais.
Recepción institucional do alcalde de Santiago
Rematada esta reunión, os participantes da Asemblea xeral da CALRE, desprazaranse ao Concello de Santiago para asistir a unha recepción institucional ofrecida polo alcalde da cidade, Agustín Hernández.
Inauguración
A inauguración oficial da XVIII Asemblea Plenaria da CALRE terá lugar este venres pola mañá, nun acto que contará coas intervencións do alcalde de Santiago, Agustín Hernández; o presidente do Comité das Rexións, Michel Lebrun; a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo; e o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núnez Feijóo.
Ese mismo acto incluirá a presentación dos participantes das asociacións internacionais que tamén participan nesta Xuntanza. Trátase da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE); Cámara das Rexións do Consello de Europa; Asemblea Nacional de Québec, Rede de Mulleres Parlamentarias da Francofonía (APF) e Asemblea Nacional de Québec no seo da COPA; Conferencia Nacional das Lexislaturas Estatais de EE.UU. (NCSL); e da Alianza de Conselleiros Locais Xaponeses.
Durante a xornada do venres está prevista, ademais, unha conferencia do director xeral da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), Giovanni Kessler, que falará sobre “Transparencia e prevención da corrupción: medidas para loitar contra a corrupción a nivel europeo, nacional e rexional”.
A Asemblea Xeral continuará durante o sábado pola mañá. A clausura contará tamén coa intervención do presidente do Comité das Rexións, Michel Lebrun, dado que a CALRE afianzou neste último ano as relacións co CdR, un dos dous órganos consultivos da Unión Europea, xunto co Comité Económico e Social. Nese acto, Pilar Rojo fará pública a denominada Declaración de Galicia 2014, aprobada previamente pola Asemblea Plenaria da CALRE.